Notas de prensa

O bono de ata 5000 euros para os autónomos que precisen unha segunda oportunidade pode solicitarse ata o 1 de outubro

O DOG vén de publicar a convocatoria de axudas do programa dirixido a apoiar unha segunda oportunidade para os autónomos. Trátase de favorecer o retorno ao emprendemento. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 1 millón de euros coa previsión de beneficiar a traballadores por conta propia que queiran reemprender un negocio, con compromiso de formación.

As axudas, polo tanto, van dirixidas a aqueles que cesaron a súa actividade económica por causas económicas e agora desexan unha volta ao emprendemento.

Os beneficiarios destas axudas son as persoas que se dean de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA), en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 1 de xaneiro ao 30 de setembro de 2018 ou cesasen con anterioridade na súa actividade causando baixa na Seguridade Social ou na mutualidade correspondente e no imposto de actividades económicas (IAE) por causas económicas.

O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e rematará o 1 de outubro. A presentación da inscrición supón un compromiso de emprendemento e de formación de polo menos 60 horas.

Esta liña de axudas, polo tanto, céntrase na formación para que os beneficiarios poidan afrontar a nova actividade con todas as garantías. Inclúe, deste xeito, un bono específico para a cualificación de ata 2000 euros e un de apoio de 3000 euros para investimentos que permitan afrontar as novas necesidades. Estas axudas son compatibles con outros programas que a Xunta ten a disposición deste sector a través da Estratexia Autónomo 2020.

En concreto, co bono formación a persoa beneficiaria recibirá unha axuda de ata 2000 euros para realizar un mínimo de 60 horas de formación nas seguintes materias: formación xerencial, xestión comercial ou financeira, marketing dixital ou sobre eidos que teñan relación directa co negocio que se vai emprender e así se xustifique. Esta cualificación poderá ser impartida por entidades públicas ou privadas e deberá estar finalizada dentro do período subvencionable.
Con respecto ao bono apoio, concederase unha axuda de 3000 euros ás persoas que estiveran máis de 6 meses seguidos inscritas como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego antes da data de solicitude; ou da data de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA); calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social; ou en mutualidade de colexio profesional para persoas que se deron de alta no 2018 antes da entrada en vigor desta convocatoria de axudas.

A Rede de Mentoring do Igape poderá, ademais, colaborar coas persoas beneficiarias desta axuda.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria enmárcase na Estratexia Autónomo 2020, un conxunto de 20 medidas que para este ano volve a contar nos orzamentos con 40M€ para seguir favorecendo o labor deste colectivo e complementar así as medidas do Estado.

Xunto á ampliación da tarifa plana, o bono autónomo e doutras medidas xa impulsadas o ano pasado –como a Oficina do Autónomo, www.oficinadoautonomo.gal, para facilitar o seu asesoramento, ou a axuda que permite ampliar en 16 semanas a bonificación do Estado para a contratación do traballador que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade–, en 2018 súmanse dúas novas liñas de actuación: estes apoios para facilitar unha segunda oportunidade e as axudas e servizos para fomentar o relevo xeracional cuxo prazo de solicitude remata o próximo 30 de setembro.

Xunta de Galicia, 2018-08-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES