Notas de prensa

Leóns, hienas e rinocerontes nos montes de Lugo

Unha trampa natural visitada esporadicamente por neandertais hai uns 110.000 anos nunha canteira de calcaria de Becerreá (Lugo) podería ter xerado o depósito arqueolóxico no que un equipo do GEPN-AAT (Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da USC e do IPHES (Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social) rexistrou ata 1.400 restos fósiles de fauna pertencentes a 40 especies distintas.

Este achado acaba de ser publicado na prestixiosa revista Comptes Rendus Palevol. O xacemento descubriuse en 2009 a raíz dos traballos de explotación da canteira, e as intervencións arqueolóxicas realizáronse durante dous anos baixo a dirección do investigador do IPHES Manuel Vaquero. Os escavadores bautizárono como Valdavara 3 xa que se atopa a 50 metros da cova luguesa con ese nome, onde hai uns anos se identificou o que aínda hoxe é o fósil humano máis antigo de Galicia, remontándose a uns 17.000 anos. Valdavara 3 é, iso si, moito máis antigo que a propia cova, con datacións que indican unha cronoloxía en torno aos 110.000 anos.

Os leóns, as hienas, os leopardos, os osos, os cabalos e os rinocerontes eran os principais protagonistas en Valdavara 3 nun momento climático interglacial, cunha paisaxe variada, con fontes de auga, e onde os neandertais acudirían para aproveitar os recursos faunísticos acumulados no interior da cova por procesos naturais.

A gran diversidade de especies faunísticas fai de Valdavara 3 un xacemento excepcional, especialmente no contexto do rexistro paleontolóxico do norte da Península Ibérica. En total, 30 especies de mamíferos, tres de aves, cinco réptiles, un anfibio e un pez avalan a biodiversidade desa rexión hai 110.000 anos. Ademais, permiten por primeira vez coñecer a fauna do último interglaciar no noroeste peninsular, cun clima máis cálido e húmido que o actual.

A importancia deste tipo de xacementos, moi escasos, radica principalmente na súa riqueza faunística, “que nos ofrece unha fotografía perfecta da paisaxe de hai 100.000 anos”, explica o investigador do GEPN-AAT Arturo de Lombera. Dende os grandes carnívoros -diversos felinos e hienas- ou herbívoros -rinocerontes- que habitaron a rexión ata os pequenos roedores que son unha importante fonte para a reconstrución paleoambiental. “Por outra banda, ofrécenos a oportunidade de observar un tipo de ocupación e uso oportunista das cavidades por parte dos neandertais moi diferente ao que se ten constatado noutras covas, como pode ser Cova Eirós”, matiza de Lombera.

Un achado pouco habitual

Os resultados das datacións dos fósiles son coherentes cos estudos da fauna recuperada. Por outra parte, en Galicia o rexistro arqueopaleontolóxico en contexto estratigráfico é escaso, polo que calquera descubrimento deste tipo supón un avance importante na investigación prehistórica da rexión. A xeoloxía da zona provoca que a conservación da fauna sexa difícil na maior parte do territorio galego. De feito, na Península Ibérica, e especialmente na rexión cantábrica, non é habitual atopar rexistros paleontolóxicos tan completos como o de Valdavara 3, pois xeralmente son máis sesgados ou de cronoloxías máis recentes.

As tarefas de escavación e de restauración do material de Valdavara 3 leváronse a cabo co apoio da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Concello de Becerreá e Canteiras do Penedo S.A. (CANPESA), a empresa responsable da explotación da canteira, que desde o primeiro momento colaborou nos traballos arqueolóxicos.

Estes traballos enmárcanse no proxecto de investigación Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na conca media do Miño que, desenvolvido conxuntamente polo GEPN-AAT e o IPHES, dirixe o profesor da Universidade de Santiago Ramón Fábregas. No caso concreto deste último estudo sobre a fauna, os membros do GEPN-AAT Arturo de Lombera, Irene Valverde e Alicia Ameijende colaboraron na escavación do xacemento, no estudo dos materiais e na súa contextualización.

Universidade de Santiago de Compostela, 2018-07-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Tivo lugar a V edición do Foro de Directores de Informática, que reuniu aos responsables de dixitalización das 17 Comunidades Autónomas, onde se debateu o papel das administracións públicas para garantir que a intelixencia artificial beneficie a toda a poboación, con independencia das condicións sociais ou económicas. Os responsables autonómicos compartiron experiencias e analizaron os retos para a aplicación de tecnoloxías como a ciberseguridade ou a intelixencia artificial. Houbo, así mesmo, unha sesión de traballo para analizar o futuro dos fondos europeos para avanzar na modernización tecnolóxica das rexións.
Foto de la tercera plana (concertos-do-xacobeo.jpg) Desde o Xacobeo 21-22, máis de 2,5 millóns de persoas participaron nas actividades impulsadas baixo esta marca, que se consolidou como un motor económico e social. Este ano, os Concertos do Xacobeo acollerán case 100 eventos en máis de 50 localidades de toda Galicia, reunindo a 700 artistas de primeira liña, tanto internacionais como nacionais e galegos. A programación combinará grandes nomes da escena musical global, como Kings of Leon, Lenny Kravitz ou Alanis Morisette, con recoñecidos artistas galegos como Tanxugueiras, Guadi Galego ou Xoel López. A diversidade da programación, tanto en estilos como en formatos, permitirá atraer a públicos variados e reforzar a imaxe de Galicia como destino cultural dinámico, onde tradición e modernidade conviven nos escenarios.

Notas

Xa pasaron catro anos desde aquel primeiro The Thinking Institute que converteu Vigo no epicentro mundial do coñecemento en nanonociencia. Como cada mes de xuño, este encontro científico internacional regresa ao campus para celebrar a súa cuarta edición, reincidindo no seu firme propósito de crear un espazo para o intercambio de ideas sen as barreiras habituais deste tipo de congresos, e aberto a todas aquelas persoas con inquedanzas científicas.
A Universidade da Coruña lanza UDC Conecta, unha iniciativa que nace co obxectivo de impulsar a conexión entre o coñecemento xerado na UDC e os sectores produtivos, promovendo o fortalecemento das cadeas de valor estratéxicas que garantan que os avances científicos se transformen en solucións. Coa posta en marcha de UDC Conecta, establécese unha alianza permanente coa empresa, que terá a través desta plataforma única, un sistema de acompañamento integral e dinámico.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES