Notas de prensa

Gonzalo Hermo gaña o XVI Premio de Poesía Afundación

A obra 'A vida salvaxe', de Gonzalo Hermo, é a gañadora da décimo sexta edición do Premio de Poesía Afundación, un certame que veñen convocando Afundación, o Centro PEN Galicia e a Consellería de Cultura e Educación co obxectivo de favorecer a creación literaria en galego. Licenciado en Filoloxía Galega e doutor en Lingüística pola Universidade de Santiago de Compostela, Gonzalo Hermo é autor dos poemarios 'Crac' e 'Celebración', polo que foi recoñecido co Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández no ano 2015 e co Premio da Crítica de poesía galega en 2014.

A resolución do xurado, composto por Luís G. Tosar, presidente do Centro Pen Galicia; Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior edición do Premio de Poesía Afundación; Alba Cid, poeta; Xosé Ramón Pena, escritor; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado, deuse a coñecer esta tarde na sede de Afundación Santiago de Compostela, nun acto presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo director-xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar.

Durante a rolda de prensa, o secretario xeral de Cultura felicitou o gañador e gabou “o labor do xurado”, sempre difícil cando, “como pasa neste premio, as obras a concurso teñen unha calidade media moi elevada”. Nesta décimo sexta edición foron un total de 31 os traballos que concorreron ao premio.

Anxo Lorenzo amosouse moi orgulloso da colaboración do departamento que dirixe co certame, á que se referiu como “un investimento moi frutífero no presente e o futuro da nosa lírica poética”. “A colaboración e a suma de esforzos entre administracións, institucións e cidadanía resulta imprescindible para o desenvolvemento da cultura e para mantela en constante avance nas súas diferentes manifestacións”, asegurou Lorenzo.

“Un regreso á natureza”

O xurado destacou que o poemario gañador ofrece, “desde a sobriedade e a contención”, “un regreso á natureza que incorpora a autobiográfico e o metapoético”, ao tempo que entroucou a obra con “poéticas abertas na creación contemporánea, tanto na súa procura do salvaxe coma no recurso a un misticismo escéptico”.

Promover a creación literaria en galego

O certame conta co apoio e a participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega á vez que estimula a creación literaria. Con este obxectivo, a Xunta de Galicia contribúe coa realización de diversos premios e certames literarios, como o Premio Narrativa Breve Repsol, o Premio de Poesía Gonzalo López Abente, o Premio de Poesía Concello de Carral e o Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, entre outros.

Gonzalo Hermo

Licenciado en Filoloxía Galega e doutor en Lingüística pola Universidade de Santiago de Compostela, Gonzalo Hermo (Rianxo, 1987) é autor dos poemarios Crac (Barbantesa, 2011) e Celebración (Apiario, 2014), polo que foi recoñecido co Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández no ano 2015 e co Premio da Crítica de poesía galega en 2014. O III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro é outra das distincións do poeta rianxeiro, que tamén participou en diversas obras colectivas, a máis recente delas No seu despregar (Apiario, 2016).

O galardón comezou a andar no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello e Estíbaliz Espiñosa, gañadora da anterior convocatoria.

Afundación, 2018-07-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES