
Neste contexto, a Unión Internacional de Xeografía (IGU, nas súas siglas en inglés) decidiu dedicar enteiramente a esta cuestión o seu 26 coloquio anual, que se desenvolve esta semana en Santiago coa asistencia de especialistas de todo o mundo. No encontro trátanse de propoñer solucións e reducir as diversas brechas e diferencias que existen entre as redes agroalimentarias, entre as actividades rurais, entre os usos conflitivos da terra, entre as imaxes rurais e a realidade sombría, entre a expansión urbana e a agricultura e a preservación de espazos abertos e coas zonas rurais remotas, de baixa densidade e de montaña.
O 26 Coloquio da Comisión de Sustentabilidade de Sistemas Rurais da IGU (CSRS-IGU) titulado Sistemas rurais infinitos nun planeta finito desenvólvese na Facultade de Xeografía e Historia para trasladarse a finais de semana a A Veiga e A Ulloa. Está organizado polo Grupo Ante da USC e pola citada comisión. A inauguración do encontro celebrouse este luns 16 no Paraninfo da Universidade coa presenza do vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez Muñuzuri; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o decano do centro anfitrión, Francisco Durán; o director do Departamento de Xeografía da USC e vicepresidente da IGU, Rubén Lois; o profesor da USC e director do Coloquio, Valerià Paul; e os representantes do CSRS-IGU, Holly Barcus e Serge Schmitz.
Durante todo o encontro prestarase especial atención á escala local, sen deixar de lado outras interrelacionadas para cumprir co esforzo de pechar as brechas cara á sostibilidade. A partir de aí, África e América Latina serán rexións tamén representadas nas distintas sesións, nas que Galicia ocupa un lugar central por ser un laboratorio adecuado para colmar as lagoas con respecto a esta problemática, como sinalan os organizadores. A comunidade galega conta cun campo altamente innovador e con sistemas agrícolas tecnoloxicamente avanzados, como as industrias hortícolas e lácteas. Neste senso, estas industrias teñen un impacto considerable no medio ambiente e deben adaptarse constantemente ao marco variable da política agrícola común da UE.
O Comité organizador destaca igualmente como, no caso galego, as redes alternativas e alimentos emerxentes coexisten nas mesmas áreas que a agricultura convencional, formulando preguntas constantes sobre a compatibilidade e a competencia. Nesta mesma dimensión dedicáronse importantes inversión da UE ao crecemento do sector do turismo rural, pero a sustentabilidade económica desta industria punta cuestiónase constantemente. En termos espaciais, moitas áreas están baixo a presión dun importante fluxo turístico global, como o Camiño de Santiago, con centos de miles de peregrinos cada ano.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.