Notas de prensa

O Sindicato Labrego Galego creará a Secretaría das Persoas Xubiladas

O Sindicato Labrego Galego celebrará en Lugo este sábado unha asemblea á que acudirá unha representación da súa afiliación xubilada que, a pesares de terse retirado no plano laboral, aínda ten azos e ilusión para seguir traballando nas loitas nas que o Sindicato Labrego Galego está implicado. A xornada será inaugurada pola secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, e o coordinador do evento e membro da Executiva, Miguel Méndez.

Contará ademáis coas intervencións de Vitoria Portas, presidenta do Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), Xabier Pérez Davila, economista e escritor, e Lidia Senra, eurodeputada da Esquerda Unitaria Europea.

Posteriormente, terán lugar os debates previos á constitución da que será a Secretaría das Persoas Xubiladas do SLG. Respecto aos motivos que levan á creación deste espazo de acción para as persoas xubiladas no SLG, a propia organización explicou no seu voceiro, o Fouce, que “tanto ten que nos xubilásemos e esteamos a cobrar unha pensión de xubilación: queremos seguir activos e activas no Sindicato Labrego Galego, participando da estrutura e do movemento sindical. Poida que por motivos de idade xa non poidamos seguir traballando a terra como antano, pero o que non minguou en nós foi o devezo de seguir loitando pola xustiza e de seguir contribuíndo, co noso esforzo, a manter vivo o noso rural. Sabemos que o rural galego está a morrer, sabemos que cada vez temos menos veciños e veciñas coas que falar, porque o vivimos no noso día a día. Pero, por iso mesmo, lonxe de resignarnos, preferimos seguir dando a batalla para asegurarlle un futuro ao rural galego”.

Ademais, sobran loitas nas que as persoas xubiladas de toda Galiza están a implicarse a fondo porque lles afectan directamente como colectivo, pois “que nos xubilásemos non quere dicir que non haxa dereitos polos que debamos loitar: ademais de ter unhas pensións moi baixas para afrontar o noso retiro, seguen a mallar en nós coa privación de servizos sociais no rural aos que deberiamos ter dereito tras toda unha vida de traballo: peche de centros de saúde, longas distancias até os centros de día máis próximos ás nosas parroquias, prazas insuficientes nas residencias públicas para a terceira idade ou prezos prohibitivos nas privadas, peche de centros de saúde rurais que nos obrigan a longos desprazamentos para acudir ás consultas médicas, inexistencia moitas veces de liñas de transporte público que pasen preto dos nosos domicilios, etcétera”.

Con este espírito celebrarase o sábado, nas instalacións do Restaurante Los Robles, a asemblea coa que comezará a andar a Secretaría das Persoas Xubiladas do SLG antes de ser referendada nun futuro congreso da organización agraria.

Sindicato Labrego Galego, 2018-07-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES