
O filme fai un percorrido pola vida e obra de diferentes xeracións de artistas e conta co relato en primeira persoa de creadoras como Fina Mantiñán, Rosalía Pazo, Elena Colmeiro, Berta Cáccamo, Soledad Penalta, Mónica Alonso, María Xosé Díaz, Almudena Fernández Fariña, Menchu Lamas e Tatiana Medal.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle este xoves, 3 de maio, ás 20.00 horas, a proxección do documental ARTE+MULLER+GALICIA, unha perspectiva sobre o papel clave das artistas mulleres na Arte Contemporánea galega. O filme, dirixido pola historiadora da Arte e crítica Rosario Sarmiento, foi un dos proxectos culturais galardoados no I Concurso de Ideas Luísa Villalta de Iniciativas Culturais pola Igualdade, convocado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña.
O documental ARTE+MULLER+GALICIA, expón un achegamento ao traballo daquelas artistas mulleres cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da Arte Contemporánea en Galicia. A través das biografías, as obras e fundamentalmente os testemuños destas artistas pertencentes a diferentes ámbitos creativos e xeracionais, ARTE+MULLER+GALICIA debuxa un amplo e plural escenario de reflexión sobre as circunstancias que rodearon a súa carreira como creadoras.
Reflexión sobre os factores de desigualdade, tamén na arte
O feito de ser muller marcou para moitas delas o desenvolvemento da súa traxectoria profesional e, sobre todo, a súa presenza e protagonismo nos espazos de poder e decisión. Recoller as súas opinións, como mulleres e como artistas, supón unha chamada de atención sobre os factores que marcan a desigualdade: a falta de seguridade en si mesmas e o seu traballo, as dificultades para conciliar a vida persoal e profesional e, especialmente, a eterna necesidade non só de mostrar senón de demostrar as propias capacidades profesionais, explica a directora, Rosario Sarmiento.
Figuras clave na Arte Contemporánea galega
O documental ARTE+MULLER+GALICIA divídese en dúas partes, un primeiro percorrido histórico a través da vida e a obra de diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que realizan por primeira vez os seus estudos superiores en Galicia, trala creación da Facultade de Belas Artes en 1990. Un percorrido que reflexiona sobre cuestións como o seu insignificante protagonismo nos movementos de Vangarda anteriores á Guerra Civil, a Posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra do seu país; a chegada da Democracia e a Autonomía; o impulso dinamizador das artes plásticas en Galicia e, finalmente, os novos escenarios formativos nos que as nosas artistas comezarán as súas traxectorias nos inicios do século XXI.
Na segunda parte toman a palabra, nos seus obradoiros, oito creadoras que participaron na exposición Mulleres do silencio: Fina Mantiñán, Rosalía Pazo, Elena Colmeiro, Berta Cáccamo, Soledad Penalta, Mónica Alonso, María Xosé Díaz, Almudena Fernández Fariña, Menchu Lamas e Tatiana Medal. De diferentes tendencias artísticas e xeracionais, relatan as circunstancias que rodearon o seu traballo, a súa proxección profesional, e cal é a súa opinión sobre o que significa ser muller artista en Galicia.
Coloquio sobre arte e muller
A proxección do documental ARTE+MULLER+GALICIA terá lugar este xoves, 3 de maio, ás 20 horas, no CGAC, con entrada libre. Á proxección do filme seguirá un coloquio aberto ao público arredor das circunstancias da muller na arte, no que participarán a directora do documental, Rosario Sarmiento, e as artistas Rosalía Pazo, Almudena Fernández Fariñas, Soledad Penalta, e Mónica Alonso.
Proxección noutras cidades galegas
Tras a súa estrea o pasado 11 de abril na Coruña, ARTE+MULLER+GALICIA continúa o seu percorrido polas cidades galegas, con proxeccións en Ferrol, Lugo, Pontevedra e, agora, en Santiago de Compostela.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.