Notas de prensa

Educación investiu máis de tres millóns de euros desde 2012 para impulsar a investigación máis excelente

Un total de 13 científicos (8 deles en activo na actualidade) beneficiáronse deste apoio para crear e consolidar as súas propias liñas de traballo. O conselleiro Román Rodríguez mantivo unha xuntanza cos últimos tres Starting Grants cunha axuda de 700.000 euros.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo unha xuntanza de traballo cos últimos tres investigadores Starting Grants con axuda por parte do Consello Europeo de Investigación (ERC), que están desenvolvendo o seu traballo na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e na Universidade da Coruña (UDC). Os tres van recibir un reforzo de financiación de 700.000 euros por parte da Consellería para un período de catro anos (desde 2018 ata 2021), con contías que oscilan entre os 200.000 e os 250.000 euros. Trátase de José Manuel Castro Tubío e Mª del Carmen Giménez López, por parte da USC; e Carlos Gómez Rodríguez da Universidade da Coruña. Os tres súmanse aos cinco científicos excelentes, tamén con axuda do Consello Europeo de Investigación, cos que conta o SUG.

Estas axudas forman parte dunha das liñas estratéxicas da Consellería de Educación como é a de potenciar a investigación máis excelente do Sistema Universitario Galego (SUG), na que este departamento leva investidos un total de 3,25 millóns de euros desde o ano 2012 co fin de que os científicos máis relevantes -aqueles que contan coa beca ERC- poidan crear e consolidar os seus propios equipos ou programas de investigación.

O ERC busca impulsar a longo prazo proxectos de científicos excelentes e apoia a creación de equipos para que realicen unha investigación novidosa e potencialmente moi rendible, pero de alto risco.

O Goberno galego súmase a este respaldo da investigación punteira e de reforzo da excelencia científica con partidas complementarias á propia beca ERC durante o período de duración da mesma.

Oito científicos ERC en activo

Deste xeito a Consellería destinou 2.450.000 euros desde o ano 2012 a respaldar os proxectos dos 13 científicos ERC en Galicia, 8 dos cales están actualmente en activo no SUG (na USC desenvolven a súa actividade un Advanced Grants e catro Starting Grants; na Universidade de Vigo hai un Consolidator Grants e un Starting; e na Coruña incorpórase agora Carlos Gómez Rodríguez como Starting).

Estas partidas complementarias do Goberno galego van destinadas a financiar a contratación de persoal investigador ou auxiliar para o equipo dirixido polo investigador principal Starting Grants; para pequeno equipamento e material funxible así como para os custes do mantemento dese material; para material bibliográfico; para adhesión a sociedades científicas; para formación do persoal do equipo relacionado coa actividade do proxecto; para desprazamentos vinculados coa dita actividade; para investigadores visitantes; e para organización de actividades de difusión e ferramentas de xestión do coñecemento e información tales como aplicacións informáticas ou bases de datos, entre outros.

Compromiso coa estabilización no SUG

A maiores, a Consellería destinou outros 800.000 euros a axudas para a estabilización destes científicos no SUG desde o ano 2016. Isto é, garantir que as persoas que rematan a Starting Grants, e continúen traballando nunha das tres universidades galegas, poidan continuar cos seus proxectos de investigación. A día de hoxe un total de 4 Starting -o cen por cen dos posibles- contan con esta axuda a razón de 200.000 euros por científico durante catro anos.

Cómpre lembrar que o compromiso da Xunta de Galicia coa captación e retención destes investigadores de primeiro nivel queda recollido no Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020. Tamén se enmarca dentro das accións do Plan Galicia Innova 2020, que aposta polo establecemento de medidas prioritarias para a xeración, atracción, retención e retorno de talento en I+D+i.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2018-04-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES