
O Auditorio Municipal Gustavo Freire acolle o domingo día 11 de marzo, ás 18,30 h., a presentación en Lugo do espectáculo infantil Danza da choiva, de Elefante Elegante, como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O escenario lucense é un dos espazos asociados a este circuíto escénico e musical da Xunta de Galicia, dentro do que este primeiro semestre do ano programa cinco montaxes de teatro e circo para todo tipo de públicos.
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), encargada da xestión da rede, e mais o Concello de Lugo realizan un investimentos conxunto de máis de 14.500 euros nesta carteleira semestral, que xa en xaneiro ofreceu na cidade Outono, peza de novo circo coa que Pistacatro está a celebrar o seu décimo aniversario.
Teatro e circo
O público infantil e familiar é o principal destinatario das próximas catro funcións en rede do Gustavo Freire, programadas sempre en domingo ás 18,30 h. Así e tras Danza da choiva, onde Elefante Elegante aborda as consecuencias do cambio climático mesturando teatro xestual con monicreques e danza, o circo regresará a Lugo o 8 de abril con El apartamento, produción galardoada en 2017 co premio ao mellor espectáculo de rúa da Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas, FETEN, de Xixón. Esta peza da compañía leonesa Cirk About It está fundamentada nos equilibrios e saltos acrobáticos, e parte dunha situación cotiá, a convivencia nun apartamento, para explicar como a rutina pode romper con facilidade.
O 13 de maio será a quenda da formación galego-brasileira Asacocirco, que representará BB Circus, unha peza con música en directo que busca lle transmitir a esencia do circo ao público infantil dentro dun universo de acción, intensidade e cor.
Por último, o 10 de xuño actuará en Lugo a compañía ourensá Sarabela Teatro coa proposta de teatro infantil O secuestro da bibliotecaria. Baseada no texto de Margaret Mahy, a montaxe aborda o amor pola lectura centrando a súa trama no caos que xeran uns bandidos na vila de Parangón co secuestro da súa fermosa bibliotecaria.
Circuíto profesional
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto de programación escénica que leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de 863.714 euros (448.850 por parte da Agadic e 414.836, das entidades locais titulares dos teatros e auditorios).
Esta primeira carteleira de 2018 achegaralles aos espectadores de 37 concellos de toda Galicia 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.
A súa programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.