Notas de prensa

A candidatura Cíes-Illas Atlanticas, na final para ser Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en París

O conselleiro de Cultura e Educación reuniuse coa directora do Centro do Patrimonio Mundial, Mechtild Rössler, e coa embaixadora de España ante a UNESCO, Teresa Lizaranzu. O Goberno galego amén respaldou diante da UNESCO a futura inclusión na Lista do Patrimonio Mundial das candidaturas, nomeadamente as da Ribeira Sacra e a do Ferrol da Ilustración.

A candidatura Illas Cíes-Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade xa está rexistrada na UNESCO, segundo lle certificou ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a directora do Centro do Patrimonio Mundial, Mechtild Rössler no decurso dunha reunión celebrada na sede da UNESCO. O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia destacou que a candidatura das Illas Cíes-Illas Atlánticas “xa está, usando un símil futbolístico, na final” e é “a única que ten entrado nesta carreira longa e complexa para ser Patrimonio da Humanidade”. Rodríguez González amosouse satisfeito de celebrar “esta reunión ao máis alto nivel, seguindo coa nosa folla de ruta, cuxo obxectivo é converter a Cíes-Illas Atlánticas, que xa son un paraíso de todos os galegos, en patrimonio mundial”.

Cómpre lembrar que a candidatura xa superou a primeira proba cando o Consejo de Patrimonio Histórico Español aprobou a súa inclusión na Lista indicativa o pasado mes de outubro. De feito, a lista foi actualizada e publicada pola UNESCO o pasado 5 de febreiro, “dándolle carta de natureza á candidatura”. Agora, e por requirimento da propia UNESCO, a candidatura deberá permanecer na lista un ano antes de seguir co procedemento.

Respaldo a Ribeira Sacra e Ferrol da Ilustración

Tras a reunión mantida coa directora do Centro do Patrimonio Mundial e coa embaixadora de España ante a UNESCO, Román Rodríguez agradeceu o traballo da embaixadora para facilitar esta interlocución e a posibilidade de presentarlles aos responsables do Centro Mundial do Patrimonio a folla de ruta para a salvagarda e difusión das candidaturas.

Román Rodríguez, aproveitou a reunión para respaldar diante da UNESCO as outras candidaturas nas que Galicia está a traballar para a súa futura inclusión na Lista do Patrimonio Mundial, nomeadamente as da Ribeira Sacra e a do Ferrol da Ilustración.

Nese sentido, o conselleiro abordou a situación dos expedientes das devanditas candidaturas galegas, ademais de presentarlle a Mechtild Rössler un documento que recolle o potencial do patrimonio mundial galego que xa forma parte da Lista Indicativa da UNESCO, en concreto a cidade vella de Santiago de Compostela, os Camiños de Santiago –o Camiño Francés e a ampliación das Rutas do Norte e o Camiño Primitivo–, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules.

Neste sentido o conselleiro salientou que Galicia “é unha potencia en cuestión de patrimonio cultural” e sinalou a necesidade de coidalo e potencialo ao máximo nivel “como recurso endóxeno que é”. “Desde a Xunta esforzámonos neste sentido e o traballo coordinado con institucións tan importantes como o Centro do Patrimonio Mundial penso que é orientarse nunha boa senda”, rematou.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2018-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES