Notas de prensa

A Real Academia Galega (RAG) participa na homenaxe a Filomena Dato (1856-1926)

Moruxo, a parroquia de Bergondo na que viviu os últimos anos da súa vida, acolleu unha homenaxe á escritora Filomena Dato (1856-1926) co gallo do seu 92 cabodano. Lembrouse a quen foi unha das escasas autoras femininas e feministas da Galicia de finais do século XIX, membro correspondente da RAG desde a súa fundación en 1906 e segunda autora en publicar, despois de Rosalía, un libro en galego.

No acto, organizado polo Concello de Bergondo, participaron representantes municipais, da Real Academia Galega (RAG), e das asociacións culturais Irmáns Suárez Picallo e Lisístrata, que colaboraron nesta iniciativa para recordar a quen foi unha das escasas autoras femininas e feministas da Galicia de finais do século XIX, membro correspondente da RAG desde a fundación da institución en 1906 e segunda autora en publicar, despois de Rosalía, un libro en galego.

A homenaxe tivo lugar ao pé do camposanto onde Filomena Dato fora despedida en 1926 nunha cerimonia á que acudiron destacados membros da vida cultural e política, entre eles o presidente da RAG naquel momento, Francisco Ponte. A escritora, nada en Ourense o 26 de xullo de 1856, pasara os últimos anos da súa vida no Pazo do Curro, a moi pouca distancia.

O párroco Rubén Aramburu conduciu o acto, no que tomaron a palabra a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez; Francisco Pita, da Asociación Irmáns Suárez Picallo, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. A homenaxe contou tamén coa colaboración da poeta e editora Dores Tembrás, natural de Bergondo, a actriz Ana Hermida e alumnas e alumnos de 2º da ESO, que leron distintos fragmentos da obra de Filomena Dato. A mañá concluíu co descubrimento dunha escultura na honra de Filomena Dato asinada por Francisco Escuredo e a interpretación do Himno galego, a cargo de José Otero López, xunto a un retrato de Filomena Dato prestado para a ocasión por descendentes da familia da homenaxeada, que participaron na celebración xunto a veciños e veciñas.

Víctor F. Freixanes recordou que Filomena Dato foi a segunda muller que publicou un libro en galego, despois de Rosalía de Castro. Con esta obra, Follatos (1891), "contribuíu a esa bandeira que ergue a cultura, a lingua galega e a dignidade de Galicia, porque unha lingua son os seus falantes, a xente que a fala, a xente que a ama, que a usa, que a herdou dos avós e que quere transmitírllela aos seus netos e netas", expresou o presidente da RAG.

Un momento da intervención do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Fonte: RAG

"Filomena Dato loitou coa súa pluma polas mulleres e os seus dereitos", engadiu na súa intervención a alcaldesa Alejandra Pérez Máquez. A autora foi, de feito, desde os anos oitenta do século XIX unha das voces principais que se fixo oír en defensa das mulleres desde o galeguismo, unha postura que mantivo como oradora e tamén na súa obra escrita. Exemplo dela é o poema "En defensa das mulleres", premiado en 1887 no certame literario convocado en Ourense inspirado na memoria do padre Feixoo e a defensa que fixera da muller o frade no século anterior. Esta composición, con máis de 400 versos, na que rebate os prexuízos da época contra as mulleres e salienta os seus méritos, foi recollida catro anos despois en Follatos.

No seu momento, no ano 1891, o volume foi editado pola imprenta de Antonio Otero e saíu á venda a un prezo de 3 pesetas. Unha edición facsimilar non venal de Follatos, a partir dun exemplar custodiado na biblioteca da Real Academia Galega, acaba de saír do prelo da Deputación da Coruña como parte da homenaxe á escritora no seu cabodano.

A Asociación Cultural Suárez Picallo, parte fundamental na recuperación da figura da poeta das Mariñas, está ademais a preparar unha publicación con novas referencias sobre Filomena Dato, parte delas recollidas nos fondos da RAG. Entre elas hai tamén noticias publicadas á outra beira do Atlántico, proba da "relevancia de Filomena Dato tivo no seu día", expresou Francisco Pita. Con esta e outras contribucións, a asociación pretende "rescatar a autora do seu inmerecido esquecemento", rematou.

Real Academia Galega (RAG), 2018-02-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (ensino-edixgal.jpg) Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.

Notas

Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES