Notas de prensa

A RAG e a UVIGO afondan nunha xornada o 1 de marzo sobre o Pergamiño Vindel

Vigo acolle ata o domingo 4 de marzo a primeira exposición que permite ao público admirar por primeira vez o Pergamiño Vindel, custodiado desde hai catro décadas na Morgan Library de Nova York. A sesión académico-literaria está prevista para o xoves 1 de marzo no paraninfo da reitoría da Universidade de Vigo. Abórdanse distintas olladas ás cantigas de amigo e por Martín Codax, entre o século XIII e XIV.

Na recta final desta exitosa mostra, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo (UVIGO) celebrarán o 1 de marzo un acto académico-literario arredor deste manuscrito que reproduce a letra e a notación musical das sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Codax, un dos trobadores que representan a extraordinaria riqueza da lírica medieval galega. A sesión concluirá coa interpretación dunha escolma destas pezas.



A sesión terá lugar o xoves 1 de marzo no paraninfo da reitoría da Universidade de Vigo a partir das 12 do mediodía. Tras as palabras de benvida do reitor, Salustiano Mato, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o programa abordará distintas olladas ás cantigas de amigo e por Martín Codax, que viviu entre a segunda metade do século XIII e comezos do século XIV probablemente na contorna da ría de Vigo, á que fai numerosas referencias nas súas composicións. As persoas encargadas de profundar na obra deste autor e o seu contexto será a catedrática emérita da UVIGO Camiño Noia e os académicos Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero.

Camiño Noia intervirá cun relatorio titulado Cantigas de amigo, cancións de muller, Henrique Monteagudo achegará Ao son das ondas e Xesús Alonso Montero, O macrotexto das sete cantigas de Martín Codax: unha noveliña dramática de amor. Poralle o ramo ao acto o músico Roi Casal, que interpretará algunha das composicións do trobador homenaxeado.

A exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas pode verse desde o pasado 10 de outubro no Museo do Mar de Vigo. A mostra, promovida pola UVIGO e a Consellería de Cultura, permite admirar o manuscrito acompañado doutras pezas medievais e contemporáneas para profundar na vida cotiá, a sociedade e a estrutura de poder da época das cantigas, ou nas paisaxes que puideron servir de inspiración ao trobador. A proposta complétase con actividades tanto para público infantil como para o xeral.

Real Academia Galega (RAG), 2018-02-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES