Notas de prensa

O Parlamento insta á Xunta a elaborar unha nova lei do xogo de Galicia que renove a normativa en vigor

O Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei do PPdeG pola que se insta á Xunta a iniciar a elaboración dunha nova Lei de xogo que substitúa a normativa en vigor e actualice os seus preceptos recollendo as necesidades da sociedade, mantendo os controis que corresponden á Administración e na procura do que se considera un xogo responsable.

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, manifestou que o sector do xogo “sufriu numerosos cambios nos últimos anos derivados da súa progresiva implantación e xeneralización en todos os ámbitos da sociedade, o que supón por parte da administración un maior control dos perigos e os riscos derivados dun abuso ou dun exercicio incontrolado do xogo”.

En concreto, Prado referiuse aos avances tecnolóxicos que xeraron novos produtos de xogo ou a proliferación nos últimos anos en Galicia de máquinas de apostas en locais de hostalería, as tendas de apostas e os salóns de xogo. Deste xeito, considerou que “a modificación da actual normativa de xogo pasa por actualizar e concretar o contido da vixente Lei de 1985 en aspectos en que a experiencia dos últimos anos amosou importantes carencias e dificultades na súa interpretación”.

Paula Prado indicou que a nova normativa podería “abordar aspectos como a publicidade no eido competencial da Comunidade galega, a regulación e a contía das fianzas que deben prestar as empresas ou modificacións no réxime sancionador co obxecto de mellorar a protección dos e das menores e do colectivo de persoas ludópatas”.

“Pode ser unha oportunidade tamén para introducir maiores controis nos accesos aos locais de xogo; actualizar a normativa en relación coas esixencias da unidade de mercado; axustar os procedementos e a documentación necesaria ás novas tecnoloxías e a tramitación electrónica; e dotar de maior seguridade xurídica aos operadores de xogo, establecendo regras transparentes e de uniforme aplicación”, engadiu.

A viceportavoz popular avogou porque “na elaboración e tramitación deste texto normativo se procure o maior consenso posible entre todos os sectores afectados, tendo en conta a postura das empresas de xogo, xunto coas persoas consumidoras e usuarias e os colectivos de persoas afectadas por ludopatía”. “A prioridade será protexer os intereses de carácter público que conflúen nas actividades de xogo, en especial, a protección dos menores e outros grupos vulnerables, a prevención da adicción ao xogo e outros riscos relacionados”, dixo.

Na súa intervención, Prado amosou unha “preocupación especial pola ludopatía”, avanzando que “pretendemos a regulación da publicidade en Galicia para protexer aos menores e sensibilizar á mocidade eliminando calquera posibilidade de uso de técnicas de incitación ao xogo en relación cos sectores da poboación máis vulnerables”.

“Desde a Xunta xa se teñen intensificado os controis, con absoluta rixidez na interpretación das normas con respecto ao acceso de menores a recintos de xogo e a práctica de apostas, tramitando cantos expedientes sancionadores sexan necesarios para concienciar ao sector e ao poboación en xeral da necesidade de practicar un xogo responsable”.

Gabinete de Comunicación do PPdeG, 2018-02-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES