Notas de prensa

O CGAI dedícalle unha semana a Jean-Luc Godard con clásicos e a recuperación dun filme inédito de 1986

A película Grandeza y decadencia de un pequeño comercio de cine, orixinalmente pensada para a televisión, proxéctase por primeira vez en salas dende a súa estrea. O ciclo enmárcase na viaxe polo cine francés da filmoteca que trae tamén as restauracións dos filmes máis destacados de Louis Delluc.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia un pequeno ciclo dedicado a Jean-Luc Godard, enmarcado na panorámica do cine francés que a filmoteca leva meses realizando e que remata a finais de febreiro. Xunto aos clásicos Pierrot o tolo (dous pases o mércores 7) e O desprezo (con proxección o venres 9), recupérase o filme de 1986 Grandeza y decadencia de un pequeño comercio de cine. Este ten a particularidade de ser un proxecto concibido orixinalmente para a televisión e que só agora chega ás salas cunha restauración.

Godard, considerado a figura máis destacada da Nouvelle vague, movemento artístico nado a finais dos cincuenta en Francia e un dos máis influentes na historia do cine, realiza aquí unha disparatada comedia cun triángulo entre un director que se esforza por sacar adiante unha película, o seu produtor vido a menos e a muller do mesmo, a quen o realizador elixe como actriz da fita.

Esta estrea permítelle ao CGAI recuperar dous dos clásicos máis salientables do autor galo, películas que asentaron o seu discurso marcado pola experimentación formal e por un compromiso político que mantén aínda a día de hoxe. Foron tamén no seu momento unha oportunidade para estrelas como Jean-Paul Belmondo ou Brigitte Bardot de asentarse como iconas do cine europeo, cuns papeis que están na memoria de todos os cinéfilos.

Louis Delluc e Farrebique

A viaxe polo cine francés que durante meses vén desenvolvendo a filmoteca remata con outro pequeno foco dedicado a un cineasta que foi esencial no cine silente galo: Louis Delluc. As copias restauradas de Le chemin d’Ernoa, Fièvre, La femme de nulle part e L’inondation pasaranse entre os días 14 e 20 deste mes.

Outra proxección importante, que pon fin a este percorrido pola cinematografía gala é Farrebique, de Georges Rouquier (o venres 16). Considerada por moitos a película coa que nace o documental francés, esta atemporal fita retrata a vida no campo dunha familia, cun estilo de vida xa perdido e que ata non hai moito existía nunha Europa primordialmente rural.

Ademais das anteriores citas, para o venres 23 de febreiro está programada Eastern Boys, a ópera prima de Robin Campillo, quen no último festival de Cannes levou o premio do xurado por 120 pulsaciones por minuto.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2018-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES