Notas de prensa

A RAG anuncia o inicio do ano adicado a María Victoria Moreno coas Letras Galegas

Na web da institución xa pode lerse a biografía sobre a escritora que asinan as académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, na que percorren os seus principais títulos, desde a publicación en 1973 de Mar adiante -unha das obras pioneiras da literatura infantil galega-, o compromiso co ensino da lingua e da cultura galegas en pleno franquismo ou o labor como editora.

O 17 de maio Pontevedra acollerá o acto central da Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno, pero as iniciativas a prol da difusión do seu legado literario e da súa vida xa comezaron. Na web da institución xa pode lerse a biografía sobre a escritora que asinan as académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, na que percorren os seus principais títulos, desde a publicación en 1973 de Mar adiante -unha das obras pioneiras da literatura infantil galega-, o compromiso co ensino da lingua e da cultura galegas en pleno franquismo ou o labor como editora, entre outros perfís.

María Victoria Moreno, resumen Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, "contribuíu, xunto a outros autores e autoras da súa xeración, a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno; a poñer en valor o uso da lingua galega, falándoa e escribíndoa ben, a meterse na pel dos personaxes e gozar coa literatura, coa beleza das palabras". "Toda a súa vida é un exemplo de compromiso coa causa da lingua galega e da xustiza social", conclúen.

Nas pescudas que realizaron arredor da vida e da obra de María Victoria Moreno, as académicas emendaron unha confusión difundida pola propia autora sobre a súa data de nacemento. Ela afirmaba que nacera en 1941, dous anos despois da data de nacemento real, seguramente para facela coincidir coa das compañeiras de bacharelato, etapa que iniciou tarde debido á situación económica da familia.

Filla de malagueña e toledano, e nada circunstancialmente en Cáceres, foi galega por elección. "A historia de amor entre María Victoria e Galicia comeza en Pontevedra", escriben as académica na biografía de academia.gal. Esta cidade foi de feito o seu primeiro destino como mestra tras aprobar, en 1965, as oposicións, e o seu fogar e lugar de traballo definitivo a partir de 1967, logo de impartir aulas un par de anos no Instituto Masculino de Lugo.

A sección "Tribuna" de academia.gal tamén abre o ano cun artigo en forma de carta de Marilar Aleixandre dedicada á autora. O texto remata incidindo de novo na importancia de Pontevedra na vida de María Victoria: "Aquí viviches no paraíso. Paraíso foi a rúa amada Pontevedra. Paraíso as aulas, que non desertaches nin estando enferma. Desde Galicia, que este ano te canta, recibe o noso agarimo. Ti segue teimando". Como escenario vital central que foi da homenaxeada, a cidade será este ano a capital das Letras Galegas. Segundo o acordado co Concello, o Teatro Principal da cidade acollerá o acto académico do 17 de maio e, semanas antes, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, no que, baixo o lema "Mulleres de conto", María Victoria Moreno terá un protagonismo especial.

Biografía sobre María Victoria Moreno

Real Academia Galega (RAG), 2018-01-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES