Notas de prensa

O sindicato CCOO denuncia a «falta de vontade política» para aplicar a Lei de inclusión social de Galicia

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras denuncia a «clara falta de vontade política» da Xunta de Galicia para a posta en vigor «efectiva» da Lei de inclusión social. A secretaria de Emprego e Previsión Social, Maica Bouza, afirma que «a situación é moito peor que coa lexislación anterior» e lamenta que se chegara a iso pola actitude do Goberno galego.

Actualmente, o número de persoas beneficiarias da RISGA non equivale sequera ao 30 % dos fogares sen ingreso ningún. O 31 de decembro cumpriranse catro anos da publicación da Lei de inclusión social de Galicia. A norma naceu dun acordo do diálogo social e tiña como principal obxectivo non ser unha prestación económica, senón favorecer a inserción social e laboral das persoas en risco de exclusión. Pretendíase deste xeito superar as eivas da anterior renda de inserción social (RISGA).

Un exemplo desta falta de vontade política é que está pendente de desenvolver o regulamento da xestión da RISGA, que debería estar aprobado desde xuño do 2014. Tamén falta concretar aspectos relativos á vinculación desta renda coa inserción laboral, malia que xa hai tempo que se publicou a carta de servizos do Servizo Público de Emprego de Galicia «e parecía que podía dar un pulo a esta cuestión», lamenta Bouza.

Outros síntomas da falta de vontade son a «opacidade absoluta» na información, con datos que se publican unicamente unha vez ao ano e, polo xeral, «tarde, mal e a rastro». A secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO achaca parte destas carencias á «parálise total» que sofre a Xunta en materia de emprego desde que desapareceu a Consellaría de Traballo, cuxas competencias forman parte da «macroconsellaría» de Economía, Emprego e Industria.

Requisitos «restritivos» e un balance «lamentable»

A sindicalista critica os «requisitos restritivos» —e criterios de interpretación máis rigorosos aínda— para acceder á prestación, o que fai «case imposible» que aumente o número de persoas beneficiarias. Por exemplo, só se concede unha prestación por fogar, non é compatible con ingresos laborais, dificultades moitas veces insuperables para as persoas inmigrantes, trámites complexos ou déficits de coordinación entre as Administracións implicadas.

A consecuencia de todos estes desaxustes é un «lamentable» balance de catro anos da Lei de inclusión social de Galicia: o número de persoas beneficiarias non se aproxima nin ao 30 % dos fogares en que non entra ingreso ningún. Segundo Bouza, «con este panorama de nada serve que cada ano se incrementen os orzamentos». Cómpre lembrar que a percepción da RISGA se concibiu como un dereito subxectivo, de aí o financiamento con créditos ampliables para, en teoría, atender todas as solicitudes.

Por esta razón, o sindicato pide a convocatoria «urxente» do Consello Galego de Benestar Social, órgano de control e seguimento da lei, para avaliar as deficiencias sinaladas e promover o desenvolvemento e aplicación efectiva da norma, co obxectivo de responder á «grave» situación que están a vivir milleiros de galegos e galegas.

Gabinete de Comunicación de CC.OO., 2017-12-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES