Notas de prensa

Entréganse na Cidade da Cultura os Premios Artesanía de Galicia 2017

O Premio Artesanía de Galicia 2017 foi para a peza ‘A cunca en minifundio’ de Rodrigo Riveiro (Teo); o Premio Traxectoria, para Obdulia Rodríguez González, ‘Lula’ (Sober); e a Bolsa Eloy Gesto para Paula Ojea (Vigo). Conde asegura que a artesanía de Galicia “está máis viva que nunca” e destaca o seu potencial e prestixio.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na Cidade da cultura no acto de entrega dos Premios Artesanía de Galicia 2017, nos que asegurou que este sector, do que destacou o seu potencial e prestixio, está “máis vivo que nunca”.

Tal e como lembrou, estes galardóns naceron co obxectivo de consolidar o posicionamento e prestixio da marca Artesanía de Galicia -que conta con puntos de venda en 42 países-, sensibilizar á sociedade sobre a súa importancia como motor económico e cultural da Comunidade; potenciar o relevo xeracional e impulsar a formación e innovación no sector.

O Premio Artesanía de Galicia, dotado con 6.000 euros e que recoñece a obra que representa unha artesanía competitiva polo seu deseño, adaptación ou conservación de técnicas e valores tradicionais, a incorporación ás tendencias actuais ou a innovación, recaeu nesta edición na peza A cunca en minifundio de Rodrigo Riveiro do obradoiro Ferraxe de Prata, en Teo. Este artesán destaca pola creación de pezas únicas e exclusivas dándolle unha nova oportunidade aos materiais, como a louza vella e rota. A obra gañadora é un colar de formas xeométricas e orgánicas a base de louza e prata.

O Premio Traxectoria 2017, un galardón honorífico, sen dotación e que pretende recoñecer a carreira profesional, así como a contribución do premiado á promoción da artesanía, foi para Obdulia Rodríguez González Lula, de Sober (Lugo). A homenaxeada dedicou 30 anos da súa vida a recuperar e dar a coñecer a olería tradicional de Gundivós.

Por último, o Premio Bolsa Eloy Gesto, que premia con 4.000 euros a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro de referencia no eido da artesanía e o deseño, entregouse a Paula Ojea, de Ojea Studio, en Vigo. Esta ceramista e enxeñeira combina as súas dúas paixóns nas pezas que realiza a man de xeito individual, o que as dota dunha combinación de precisión e irregularidade, exactitude e singularidade que as fai únicas.

Na súa intervención, o conselleiro destacou que a artesanía galega está en auxe, con preto de 3.000 artesáns rexistrados e máis de 60 tendas e 550 obradoiros, un sector que dá emprego a máis de 5.000 persoas e que se está a consolidar como unha vía de dinamización económica e turística, especialmente no ámbito rural.

Tal e como destacou Conde, “o futuro da artesanía escríbese en clave de talento e innovación” e insistiu no esforzo que a Xunta seguirá a facer en aspectos como a formación e a introdución das novas tecnoloxías para a adaptación do sector ás novas tendencias.

Neste sentido ratificou o compromiso do Goberno galego co impulso do prestixio deste sector a través de axudas para fomentar a súa comercialización e competitividade -este ano chegaron a 35 obradoiros, 12 concellos e á Asociación Galega de Artesáns-; apoiando a formación coa organización de diferentes cursos; buscando novas oportunidades en feiras internacionais, iniciativas como o espazo Pop up. Saberes e Sabores e Madrid, ou eventos como Artesanía no Prato e Corazón de Artesanía de Agolada que este ano recibiu 9.000 visitas, consolidándose como a cita anual de referencia no sector. Conde finalizou referíndose á proxección e potencial do sector lembrando o Premio Nacional de Artesanía que vén de recibir polo proxecto Enredadas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-12-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES