
CCOO e outros sindicatos asinaron un acordo de carreira profesional para todos os colectivos profesionais da sanidade pública que mellora o previamente asinado en solitario pola coalición CESM-OMEGA.
As principais conquistas do novo acordo son que abrangue a todo o persoal e non só o facultativo como prevía a coalición de sindicatos corporativos; ademais, por petición de CCOO-Sanidade, haberá negociación de carreira ordinaria para todo o persoal do SERGAS, isto é, o persoal eventual, funcionario e laboral que quedara excluído no acordo de carreira extraordinaria do 2007 tamén está incluído.
Tamén por petición de CCOO, no acordo non figura como premisa «garantir a paz social», como algunha organización sindical fixo ver «de xeito malicioso e falaz». O punto sexto do acordo, relativo á desconvocatoria da folga que estaba prevista para comezos deste mes, di literalmente: «As organizacións asinantes deste acordo proceden neste acto á desconvocatoria da folga prevista entre os días 1 e 3 de novembro. As organizacións asinantes non renuncian ás restantes reivindicacións recollidas na convocatoria de folga».
Logros de CCOO a través da negociación
O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, salienta que Comisións é un sindicato que utiliza a negociación para chegar a «acordos favorables» para todo o persoal da sanidade pública. Neste senso, lembra que a finais do 2015 se conseguiu a recuperación dos días adicionais de libre disposición, así como vacacións adicionais Diario Oficial de Galicia do 19 de outubro dese ano, anticipando nun ano o previsto polo Goberno.
Outros logros de CCOO son que hai un mes se conseguiu unha oferta pública de emprego (OPE) de máis de cinco mil prazas, «rachando deste xeito a forte oposición dos responsables do SERGAS», apunta o sindicalista. Son conquistas que chegaron a través da negociación, pero nalgunhas ocasións precedidas de mobilizacións e mesmo accións xudiciais, como no caso da recuperación dunha parte das pagas extras que aínda non devolveu a Xunta.
Por último, Cameselle celebra que este e outros acordos parciais permitan a progresiva recuperación dos dereitos arrebatados pola Xunta e polo Goberno de España ao persoal da sanidade pública, e agarda que os próximos orzamentos xerais do Estado permitan subas salariais por riba do IPC.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.