
O Festival Agustín Magán regresa un ano máis a Santiago de Compostela cunha mostra do teatro amador que veñen realizando en Galicia os grupos afeccionados. Os días 29, 30 e 31 de outubro, e o 1 de novembro, o Salón Teatro e o Teatro Principal acollerán a representación das obras finalistas da décimo sexta edición do festival, unha iniciativa promovida pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e que conta tamén co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Obras de diversos estilos e temáticas, que van desde o musical infantil ata o drama lorquiano, pasando pola fábula dramática conforman o cartel da décimo sexta edición do festival, no que seis grupos de teatro afeccionado procedentes de distintas localidades da xeografía galega amosarán desde o domingo e ata o vindeiro mércores as súas propostas.
Propostas escénicas para todos os públicos
A programación comeza este domingo, nas inmediacións do Teatro Principal e do Salón Teatro, con animación de rúa a cargo de Lohengrin Teatro. A formación representará ás 18:00 horas o espectáculo A mirada das bolboretas. As funcións do domingo proseguiran no Teatro Principal. Ás 19:00 horas será a quenda do Grupo de Teatro Paso de Valverde, de Arteixo, coa obra Ás portas, e Teatro Escoitade, de Vigo, pechará a xornada ás 21:00 horas coa fábula dramática Peer Gynt (suite primeira), ambas para todos os públicos.
O luns, o festival comezará a semana no Salón Teatro, ás 19:00 horas, coa compañía Axóuxere Teatro, que levará a escena a obra Quero ser maior!, un espectáculo infantil para nenos e nenas a partir de 7 anos. A sede do Centro Dramático Galego tamén será o escenario do espectáculo do martes, a comedia Maniféstate!, a cargo de Andaravía Teatro.
A xornada de clausura do festival, o mércores 31de outubro, ofrecerá dous espectáculos. O primeiro, ás 19:00 horas, no Teatro Principal, contará co grupo O Aturuxo de Melpómene, de Narón, para interpretar a comedia Misterios. Finalmente, o Agustín Magán baixará o pano da súa 16ª edición ás 21:00 horas no Salón Teatro, con Bernarda, de Lohengrin Teatro. As entradas para cada función poden adquirirse a un prezo de 3 euros.
Novo pulo para o teatro amador
Desde o seu nacemento, a Federación Galega de Teatro Afeccionado foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego. Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación e da celebración das Xornadas de Teatro. Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ao teatro, creando unha programación teatral estable no territorio galego e tamén traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais.
Para contribuír con estes obxectivos, a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Agadic, coa actividade desenvolvida por Fegatea nos últimos anos, que inclúe, entre outras, actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán e o Circuíto Galego de Teatro Afeccionado.
A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.