Notas de prensa

O uso da robótica no ensino, unha oportunidade para construír un mundo mellor

O conselleiro de Cultura e Educación participa na xornada "Robótica en primaria", na que os alumnos amosan os proxectos que poden desenvolver nas aulas con este tipo de ferramentas. Sinálase a oportunidade que a introdución destas tecnoloxías nos colexios e institutos supón para construír un mundo mellor.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou a xornada de traballo Robótica en primaria, na que alumnos e profesores de centros de ensino amosan todo o que se pode realizar nos centros educativos cos kits de robótica que a Consellería lles está a repartir. Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo sinalar a oportunidade que a introdución destas tecnoloxías nos colexios e institutos supón para construír un mundo mellor, aproveitando o estimulante que é a tecnoloxía para a creatividade dos máis pequenos.

Román Rodríguez fixo referencia aos proxectos premiados no certame Desafío STEM, convocado pola Consellería, no que os estudantes realizaron desde un sistema para detectar a frecuencia de tránsito dos autobuses urbanos ata un moble de cociña intelixente, útil para resolver problemas de accesibilidade para persoas en cadeira de rodas. A este respecto salientou que o traballo que os centros educativos desenvolven en materia de robótica e programación está a levar consigo unha vontade de cambio, de servizo social e de procurar unha sociedade máis xusta e accesible.

O conselleiro quixo agradecer o traballo de docentes e propios centros no impulso destas ensinanzas e lembrou que a Xunta as está a impulsar a través da Estratexia Edudixital 2020, ao abeiro da que todas as alumnas e alumnos do ensino obrigatorio teñan no curso 2020/21 formación en Robótica e Programación. “Coa formación adecuada, e niso estamos avanzando a pasos de xigante, non haberá barreira nin fenda tecnolóxica á que estas galegas e galegos do futuro non podan facer fronte”, dixo.

Douscentos docentes de 111 centros

Na xornada de hoxe participan arredor de 200 docentes e 20 alumnas e alumnos dos 111 centros de ensino que este curso foron seleccionados para participar no programa Introdución á robótica educativa en primaria. Por tomar parte nesta iniciativa, todos eles reciben un kit conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, que permitirán a realización dun mínimo de cinco proxectos construtivos diferentes e infinitas posibilidades de programación e utilización; así como un manual de uso e guía didáctica.

Cada centro, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro, de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou mediante obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo. Máis de 10.000 alumnos de 4º,5º e 6º de Primaria están implicados nesta iniciativa, así como uns 300 docentes.

Tras a inauguración, celebrarase unha mesa redonda arredor das experiencias en materia de robótica desenvolvidas xa por varios centros educativos de primaria. Así mesmo, haberá espazos nos que alumnos dos CEIPs Plurilingüe Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar) e Manuel Fraga Iribarne (Cariño) e dos CPIs de Atios (Valdoviño), Plurilingüe dos Dices (Rois) e de San Sadurniño (San Sadurniño) traballarán cos seus respectivos kits de robótica.

Materiais para secundaria

Cómpre lembrar que, ademais da introdución deste material en primaria, por primeira vez este curso, a Consellería xa repartiu no 2016/17 un total de 750 kits de robótica nos centros educativos que imparten ESO e Bacharelato, do que se benefician uns 12.000 alumnos.

Os kits de secundaria están compostos por seis robots que permiten unha ampla gama de funcións, desde distintas montaxes ata a programación. Ademais contan con software de programación e control totalmente aberto e que permite o control do robot desde dispositivos móbiles tipo tabletas e teléfonos móbiles, placa de Comunicación e Programación e, no caso dos centros que imparten Bacharelato, dos equipos de impresión 3D.

Formación do profesorado
Como é habitual nas estratexias que lanza a Xunta de Galicia, Edudixital 2020 inclúe un plan de formación específico en Robótica, Programación e Impresión 3D dirixido ao profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os seus coñecementos nesta materia.

Ademais, desde o curso 2015/16, e a proposta da Consellería, xa están en marcha as materias de libre configuración autonómica de Programación en 1º e 2º da ESO e de Robótica en Bacharelato.

Semana STEM

Cómpre lembrar, asemade, que nas vindeiras semanas se desenvolverá a Semana STEM, un campamento de innovación educativa que se pon en marcha este curso 2017/18 co obxectivo de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o estudantado galego e no que participarán un total de 300 alumnos de 15 centros públicos.

As estadías serán dunha semana en réxime de internado e realizaranse en seis quendas durante os meses de outubro (comezarán o día 29), novembro e decembro. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque “maker”, a creatividade e a motivación para mellorar a súas competencias STEM.

Nesta mesma liña de traballo o departamento educativo da Xunta de Galicia vén de recoñecer o traballo de seis centros de ensino cos premios de innovación educativa Desafíos STEM, que teñen como fin recoñecer proxectos no ámbito da programación, da robótica e da impresión 3D; e está a piques de resolver a segunda convocatoria dos Clubs de Ciencia, nos que se estima que participarán 30 centros públicos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-10-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES