
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebrou unha asemblea xeral para escoller a nova Xunta Directiva que, durante os dous próximos anos, encabezará a este colectivo sindical que aglutina a máis de 300 profesionais da interpretación e da dirección. Tras o escrutinio, resultou elixida como nova presidenta Nieves Rodríguez, que sucede no cargo a Ernesto Chao. Pola súa banda, Mabel Rivera repetirá na vicepresidencia e Iria Sobrado, na secretaría.
O conxunto da directiva, conformada por un total de 12 persoas, está integrada -ademais das tres actrices xa citadas- por Santi Romay, Laura Míguez, Machi Salgado, Sheyla Fariña, Diego Freire, Marta Lado, Martín Máez, Susana Sampedro e Toni Salgado.
Nieves Rodríguez é coñecida para o gran público polo seu traballo tanto como actriz como presentadora. No ámbito da interpretación, Rodríguez formou parte de elencos de series como Gondar, Rías Baixas ou Pazo de Familia e telemovies como Más que hermanos. Como presentadora, exerceu en programas como Luar, Desde Galicia para el mundo, O fío do retrato, Vaia Troula ou A tarde é nosa.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) é a asociación sindical que agrupa a máis 300 profesionais do sector escénico e audiovisual de Galicia, incluíndo tanto intérpretes coma directores e directoras teatrais. Fundada en 1985, a AAAG ten como obxectivos a defensa dos dereitos laborais do seu corpo asociativo, a organización de cursos de formación, a organización dos Premios María Casares e o desenvolvemento de accións xerais de fomento das artes escénicas e audiovisuais dirixidas ao conxunto da sociedade galega.
A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.