Notas de prensa

Galicia, pioneira en asinar a declaración de apoio ás comunidades pesqueiras ante o brexit británico

O titular da Xunta incide en que, lonxe de ser un problema sectorial ou un problema territorial, o brexit é un reto colectivo que debe afrontar toda Europa. Feijóo participou na inauguración do seminario "Brexit: por que ameaza o sustento das comunidades pesqueiras de toda Europa?" e salienta que este golpe á pesca europea tamén afectaría a Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou a honra de ser o primeiro responsable dunha rexión europea que asina a declaración en favor das comunidades ante o brexit.

Durante a apertura do seminario Brexit: por que ameaza o sustento das comunidades pesqueiras locais de toda Europa?, que acolle profesionais do sector e responsables políticos de toda Europa, Feijóo aseverou que, lonxe de ser un problema sectorial ou un problema territorial, o brexit é un reto colectivo que debe afrontar toda Europa. Non en van, a Alianza Pesqueira Europea estima que optar por un brexit duro no mar levaría a reducir o beneficio neto das flotas europeas nun 50% e a unha caída do 15% dos salarios da tripulación.

Feijóo salientou que este golpe á pesca europea tamén afectaría a Galicia, que podería perder ata un terzo das súas capturas, un 60% nos casos específicos dalgunhas especies. Diante disto, avogou por traballar para reducir os riscos derivados do brexit e enfocalo como unha oportunidade para perfeccionar a normativa europea.

Para acadar este obxectivo, lembrou que durante o ano pasado o Goberno galego deu xa varios pasos: “Encargamos un informe aos expertos en economía pesqueira para analizar o impacto económico dun posible brexit duro; buscamos alianzas con outras rexións e Estados membros para defender os intereses compartidos; e remitimos ás institucións europeas un informe, elaborado polo Instituto Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña, no que se expoñen varias solucións para que o brexit non sexa prexudicial para a nosa pesca”, explicou.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta aseverou ademais que a flota británica veríase seriamente prexudicada, “tanto ou máis que a continental”, xa que dúas de cada tres toneladas de pesca británica que se exporta ten como destino o mercado comunitario.

Nesta liña, e para evitar unha solución errónea que prexudique a todas as partes, Feijóo incidiu en que Galicia aposta por un acordo co Reino Unido en materia de pesca, que pase por un intercambio de acceso mutuo pesca-mercado. Unha posición que tamén comparte o Ministerio, a Comisión Europea e a Alianza Pesqueira Europea.

“O futuro da pesca non pode ser unha moeda de cambio nas negociación do brexit. Debe ser unha prioridade”, sentenciou, ao que avanzou que no mes de novembro a Comunidade galega participará na Conferencia de rexións periféricas marítimas que se organiza en Cardiff, onde se reunirán representantes políticos das rexións pesqueiras do Atlántico e o Mar do Norte, para procurar que as negociacións entre Europa e o Reino Unido non sexan un fracaso para ambas as partes, senón un éxito compartido.

Feijóo fixo fincapé na prosperidade económica, a cohesión social das comunidades pesqueiras e a sustentabilidade ambiental dos bancos de peixe e apelou ao esforzo conxunto para que o brexit non supoña o final dos mellores valores do proxecto europeo: colaboración, cooperación e diálogo.

“A xestión conxunta dos recursos pesqueiros foi un gran avance, que logrou trasladar ao ámbito político e económico o que xa era unha realidade na natureza e na actividade pesqueira diaria. Aproveitar o brexit para intentar impoñer fronteiras para os peixes é un absurdo biolóxico, unha manipulación da Historia e unha irresponsabilidade económica”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-10-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES