Notas de prensa

O verán deixou en Galicia un 27% de precipitacións menos do esperado para esta época do ano

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, presentou o balance climatolóxico correspondente a esta estación, que, en termos xerais, foi moi cálida e seca. O fenómeno da ‘gota fría’ marcou a precipitación acumulada para o mes de agosto, xa que provocou chuvias por momentos torrenciais.

O verán deixou en Galicia un 27 por cento menos de chuvias do que cabería esperar para esta época do ano. Así o confirmou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, que hoxe presentou en rolda de prensa o balance climatolóxico correspondente á estación, que foi definida como moi cálida e seca.

Neste senso, a responsable de Calidade Ambiental e Cambio Climático indicou que os valores de precipitacións rexistrados nas comarcas de Ortegal e a Mariña Lucense, en concreto, no concello de Burela, onde se contabilizaron 211 litros por metro cadrado, contrastan cos apenas 40 recollidos nas comarcas pontevedresas do Morrazo, Arousa e Verín.

Polo tanto, a media do verán en canto ás precipitacións situouse nos 92 L/m2 e os episodios de chuvias rexistradas nesta tempada estiveron maioritariamente relacionados con eventos tormentosos, que foron especialmente significativos nos meses de xuño, cando incluso se superaron os valores normais do período de referencia 1981-2010, e o mes de agosto, entre os días 27 e 29, cando tivo lugar o fenómeno meteorolóxico coñecido como a DANA ou ‘gota fría’.

Foi, precisamente, este episodio o que provocou chuvias por momentos torrenciais, suficientes para ter cualificado o mes de húmido ou moi húmido. Igualmente, nesta ocasión, as comarcas nas que máis choveu foron as do sur da Comunidade, Ribeiro e Carballiño, aínda que o contraste o marcaron as áreas de Vigo, O Condado e o Baixo Miño, que apenas sufriron os efectos da ‘gota fría’ e rexistraron valores de precipitación moi baixos para esta época do ano -ata un 87 por cento por debaixo do normal-. Cómpre lembrar que estes episodios de chuvias localmente fortes viñeron, en moitos casos, acompañados de saraiba e pedrazo.

Verán moi cálido

No que respecta ás temperaturas, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático destacou que foi un verán cálido con temperaturas que estiveron case un grao por riba da media dos últimos anos. Cruz Ferreira explicou que comezamos a tempada estival cun mes de xuño con altas temperaturas alimentadas por masas de aire cálido procedente do norte de Ãfrica. Neste mes, os termómetros presentaron os índices máis baixos na Mariña lucense e Ortigueira, mentres que os máis altos rexistráronse nas comarcas limítrofes cos ríos Miño e Sil.

Pola contra, o mes de xullo foi un período de “cambios bruscos” debido ao aire frío situado no Atlántico norte que se achegou por momento á Comunidade galega. Neste mes, as temperaturas mínimas máis baixas localizáronse na Limia, mentres que as mínimas máis altas rexistráronse na comarca de Vigo, onde os termómetros recolleron os valores mínimos máis altos de Galicia.

O verán remata cun mes de agosto variable, o que significa que as temperaturas estiveron en xeral algo por riba da media climática neste mes, aínda que a anomalía non foi moi alta e mesmo houbo lugares nos que os valores se achegaron á media ou mesmo quedaron por debaixo. Esta situación produciuse debido á ausencia de aire cálido do norte de Ãfrica, polo que se produciron escenas de gran contraste entre zonas máis cálidas do normal -principalmente, as comarca do Carballiño- e zonas con valores negativos como a de Bergantiños ou Costa da Morte.

Un outono normal

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático referiuse, tamén, ás previsións de cara ao outono, que, tomando como referencia os mapas de anomalías previstas por outros servizos meteorolóxicos de EEUU, Reino Unido, Francia o do Centro Europeo de Predición a Medio Prazo, e tendo en conta que a meteoroloxía non é unha ciencia exacta, “será normal en canto a chuvia e temperatura”. Neste senso, Cruz Ferreira avanzou que será un outono “no que cabe esperar o paso de abundantes frontes asociadas a borrascas atlánticas, con entradas posteriores de aire frío e pausas anticiclónicas, que deberían ir perdendo frecuencia”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-09-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES