Notas de prensa

O Festiclown conságrase como o gran referente dos festivais de circo, humor e rúa en Galicia nesta edición

As prazas enchéronse de xente rindo a esgalla na última semana en Vilagarcía. Na función menos concorrida da Mostra Internacional, no escenario da Praza de Galicia ás 21.30 cada noite, habería unhas 700 persoas. O Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown, chegou á súa fin nesta edición, a terceira en Vilagarcía de Arousa, por todo o alto.

A compañía galega Píscore, que se estreara no FIOT o ano pasado, presentou o seu “Concerto Singular” no Certame Intergaláctico (Esquina Rey Daviña-Baldosa, 20 horas) e no Superroquiños, na Praza de Galicia, ás 13 horas. Nesta peza, dirixida polo clown Fran Rei, percusionistas virtuosos como son Félix Rodríguez, Pablo Cabanelas, Pepe Varela e Diego Rosal enfróntanse ao reto de teren que tocar unha única marimba. O espectáculo foi un éxito, tanto é así que Píscore arrasou nas votacións do Certame Intergaláctico, e sae deste Festiclown co Premio do Público.

O festival conságrase nesta edición como o gran referente en materia de circo, humor e artes escénicas na rúa en Galicia. “A aposta pola internacionalización e a calidade dos espectáculos deron o seu resultado, e as prazas estiveron cheas”, confirma Nacho Fungueiriño, o coordinador do programa. “Agradecemos á cidadanía esta boísima resposta, e ao Concello de Vilagarcía que por terceiro ano acollese este festival”. Nesta edición a Mostra Internacional contou con achegas de luxo: “Slips”, o divertido espectáculo da compañía belga Okidok; “A Salto Alto”, montaxe da compañía brasileira Circo no Ato, o domingo 13; ou “Sueños Encantados”, o venres 11, da colombiana Tchyminigagua, quen tamén estiveron enchendo as rúas de cor coa súa técnica de zancos sobre patíns e o espectáculo “Futurismo galáctico”. Completaron a mostra Vaques, presentando “Ye Orbayu” (12 de agosto); os vascos Malas Compañías, con “Txatarra”, o 14; e Desastronauts, integrada polo británico Girisho Gordon e a vallisoletana Raquel Veganzones con sede en Galicia, que con 'Máis alto aínda' inauguraron a mostra o xoves pasado.

Nos apartados Certame Intergaláctico e Superroquiños participaron algunhas dos mellores compañías de clown, malabares, maxia... En concreto, a pallasa Natalia Outeiro 'Pajarito' representou 'A vida tola' (día 11); Circo Chosco 'Chosco!' e 'Forzu2' (o día 12); o Mago Teto as súas 'Tolemaxias' (o día 13); o actor Ricky Tennis trouxo o seu alter ego, 'O profesor de tenis' (día 14); e pechou a programación o 'Concerto Singular' de Píscore (día 15).
Apartado Social: inclusión e solidaridade

A práctica totalidade de actuacións desenvolveuse nas rúas para achegar as artes escénicas a toda a cidadanía. A perspectiva de democratizar a cultura facilitando o acceso estivo presente en todo o programa, que tenta descentralizar -o Festiclown nas Parroquias estivo do 31 de xullo ao 6 de agosto nas zonas rurais de Vilagarcía- e implicar a todo tipo de colectivos, especialmente a aqueles en risco de exclusión, ou menos atendidos pola programación cultural.

No Apartado Social, apoiado por Obra Social La Caixa, o festival implícase con diferentes colectivos para lles facilitar o acceso á arte e á cultura. Na Gala Solidaria Infantil da mañá do día 13, os magos Teto e Dani García, Os Sete Magníficos Máis Un e Jano Costas estiveron presentados por nenos e nenas nunha gala no Salón García. A entrada solidaria, a 5 euros, destinarase aos proxectos que Pallasos en Rebeldía desenvolve en diferentes lugares do mundo. Ademais, o Apartado Social acolleu unha actuación do colectivo de persoas con discapacidade intelectual 'Con eles', coa obra 'Eu quero ser' (día 11); un obradoiro de radio comunitaria coa Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, AGARESO, titulado “O mundo que queremos”; unha actuación de Pallasos en Rebeldía co espectáculo 'O valo', sobre as persoas refuxiadas (día 14); e unha acción no comedor social de Cáritas (día 13).

A primeira actividade deste Apartado Social foi unha visita de Pallasos en Rebeldía ao Hospital do Salnés, para levarlles a alegría aos nenos e nenas que non poden gozar do festival a pé de rúa. Tivo lugar o día 27 de xullo coa pallasa Laura Mandarina, quen tamén foi unha das docentes da Formaclown, c o obradoiro 'Curando co riso'. O apartado formativo do Festiclown complementouse cun taller de clown de Antón Valén e outro de maxia cómica co Mago Teto, o 14 e 15.

O Festiclown está organizado polo Concello de Vilagarcía de Arousa e xestiónao Culturactiva. Conta coa colaboración da Obra Social La Caixa, da AGADIC e do INAEM. O programa completo pode consultarse na páxina web www.festiclown.org.

Festiclown, 2017-08-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (eclipse-2026-xunta.jpg) A Xunta habilitou hoxe un apartado específico dentro da páxina web de MeteoGalicia para facilitar o acceso e as consultas relacionadas coa predición do tempo en todos os concellos galegos durante a xornada da eclipse solar, prevista para o vindeiro día 12 de agosto. Galicia será unha das rexións nas que mellor se poderá observar este fenómeno astronómico de carácter excepcional, aínda que non en todas as zonas se apreciará por igual. De feito, no espazo web dedicado ao tempo durante a eclipse hai un mapa con todos os concellos sobre o que se indica en cales será total e en cales se verá de forma parcial.
Foto de la tercera plana (camino-litoral.jpg) Co obxectivo de pór en valor os máis de 2.555 quilómetros de litoral que posúe Galicia, a Xunta ven de lanzar o Camiño do Litoral. Trátase dun itinerario único que discorre por 78 municipios costeiros a través de 52 etapas, concibido para ofrecer unha alternativa de turismo sustentable e amosar a convivencia entre a conservación ambiental e o desenvolvemento socioeconómico da zona. Esta gran ruta vertebradora, que xurde como unha das medidas clave ao abeiro da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, conecta espazos naturais, vilas mariñeiras e un rico patrimonio.

Notas

Espazos Sonoros regresa un ano máis cunha programación que volve propoñer un diálogo entre música e patrimonio, convidando o público a descubrir espazos de especial valor histórico e cultural da provincia da Coruña a través da experiencia artística. Organizado polo departamento de Patrimonio da Deputación da Coruña, o ciclo desenvolverase entre o 5 de setembro e o 8 de outubro.
Cada día, unha parte importante da enerxía que consome a industria termina perdéndose en forma de calor. Entre un 25 % e un 55 % disípase a temperaturas próximas aos 200 °C suficientemente elevadas como para aproveitar esa calor e convertela en electricidade. Recuperar ese potencial enerxético é un dos desafíos da industria para avanzar cara a procesos máis eficientes e sostibles.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES