Notas de prensa

O BNG prepara unha Lei Galega da Memoria Histórica que supoña recoñecemento e reparación ás vítimas

Inclúe anular os xuízos do franquismo, suprimir toda a simboloxía fascista, institucionalizar o Día da Galiza Mártir de Bóveda e declarar San Simón illa da memoria. Bará: “A mellor maneira de homenaxear ás vítimas e traelas ao presente e tomar os seus ideais para construír unha sociedade mellor”.

O BNG quere que Galiza conte cunha lei propia de memoria histórica que supoña un recoñemento das vítimas do fascismo e lles brinde unha reparación xurídica e económica. Por iso, redacta un texto que pretende levar ao Parlamento no próximo curso político que hoxe compartiu cos representantes de asociacións, entidades e investigador@s nesta materia, para coñecer a súa valoración e poder incorporar as súas propostas.

Coincidindo coa data do 81 aniversario do golpe de estado o deputado e coordinador do proxecto de lei, Luís Bará, reivindicou unha política pública da memoria desde o Goberno con máximo rango institucional, “que sexa transversal e participativa”, porque a mellor maneira de homenaxear as vítimas é coñecer esta etapa “negra” da historia “e tomar os seus ideais para axudarnos a construír unha sociedade mellor”.

O texto lexislativo que prepara o BNG inclúe anular todos os xuízos e as condenas ditadas polos tribunais “ilexítimos” do franquismo entre 1936-197, exhumación das vítimas soterradas en foxas comúns cun plan específico e a supresión de toda a simboloxía fascista, “porque é inconcibible que a día de hoxe aínda persistan símbolos, distincións e honores aprobados pola ditadura”, denunciou.

Neste sentido, considera “aberrante” que a familia Franco sega utilizando para o seu goce particular o Pazo de Meirás, polo que de xeito inmediato a formación nacionalista pide que se cumpra o réxime de visitas previsto no BIC e iniciar o estudio para a súa expropiación como ben público no curto prazo, así como a devolución das terras aos lexítimos propietarios.

Bará avanzou que a o proxecto de lei que redacta o Bloque propón a creación dun consello galego da memoria que inclúa a todas as entidades que traballan neste ámbito, e declarar institucional o Día da Galiza Mártir como data de homenaxe a todas as vítimas da represión simbolizadas na figura de Alexandre Bóveda.

Igualmente, a proposta lexislativa incluirá un mapa de lugares da memoria e preservar o simbolismo de algúns lugares como a Illa de San Simón que o BNG quere declarar illa da memoria.

Comisión da verdade

A lei da memoria que ultima o BNG da especial relevancia á divulgación, polo que propón a creación dunha comisión da verdade, unha oficina de atención ás vítimas así como a elaboración dun amplo estudo “non só da represión senón tamén da loita de resistencia contra o franquismo, como por exemplo a guerrilla, e que se faga a través do sistema educativo e dos medios de comunicación públicos”, indicou Bará.

“Coñecer esta etapa histórica negra é necesario para construír unha sociedade máis democrática, plural e máis xusta, porque esa é tamén a mellor maneira de homenaxear ás vítimas da represión fascista, traelas ao presente e tomar os seus ideais para axudarnos a construír unha sociedade mellor”, concluíu o deputado que, xunto co parlamentario Xosé Luís Rivas, transmitiu o proxecto lexislativo a entidades, colectivos e persoas que traballan na memoria histórica.

Gabinete de Comunicación do BNG, 2017-07-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES