
O presidente da Real Academia Galega reuniuse esta mañá co vicepresidente da Xunta nun encontro, enmarcado na rolda de xuntanzas institucionais que está a manter a nova executiva da institución, que se desenvolveu nun ambiente de cordialidade. Entre os asuntos abordados, Víctor F. Freixanes e Alfonso Rueda trataron posibles colaboracións en materia de toponimia. O presidente da RAG, acompañado polo secretario Henrique Monteagudo, salientou ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a importancia do traballo que vén desenvolvendo a Academia no ámbito da toponimia, centrado nos últimos anos na revisión e actualización do Nomenclátor de Galicia, repertorio que fixa a denominación oficial das entidades de poboación de Galicia.
Neste sentido, comprometeuse a que a Real Academia Galega lle presente proximamente á Xunta unha proposta que sirva como base para un convenio entre ambas as institucións, para retomar os traballos de recollida, normalización e difusión da toponimia galega, suspendidos desde hai varios anos.
O Nomenclátor de Galicia, que recolle os lugares habitados, consta de 37.308 rexistros, unha cuarta parte dos de toda España e uns 4.000 máis que os que suma Portugal. No caso dos microtopónimos, estímase que os 500.000 recollidos son só un terzo dos existentes. Salvar este rico patrimonio inmaterial require unha actuación urxente, antes de que desaparezan os informantes que o gardan na súa memoria.
A RAG salienta ademais como unha prioridade a elaboración e posta a disposición na Rede, a efectos operativos, dunha base de datos de toponimia galega que sirva de referencia, e estima que un obxectivo razoable sería chegar aos 250.000 ou 300.000 rexistros.
A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.