
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou no Pazo de San Roque o libro do profesor da Universidade neozelandaesa de Auckland José Colmeiro Peripheral Visions / Global Sounds: from Galicia to the World.
O titular de Política Lingüística considerou que a publicación dunha obra sobre a cultura galega recente, redactada en inglés, nunha editorial británica e desde unha universidade neozelandesa é unha mostra do crecente interese internacional pola lingua e a cultura galegas, ao que contribúe, e non pouco, a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, que terá acceso á publicación por seren os seus centros focos de emisión continua de cultura galega.
A canda Valentín García, participou na presentación do libro José Colmeiro, profesor da Universidade de Auckland (Nova Zelandia) e autor de Peripheral Visions / Global Sounds: from Galicia to the World.
Cultura audiovisual galega na era global
Peripheral Visions / Global Sounds: from Galicia to the World analiza a produción audio/ visual contemporánea en Galicia como canle privilexiada a través da cal as modernas identidades culturais galegas son construídas e consumidas, tanto dentro como fóra da comunidade. O libro analiza a explosión creativa galega tras o proceso de transformación política e cultural do posfranquismo nun diálogo produtivo con correntes globais e cunha considerable proxección alén das fronteiras xeopolíticas. Así, o autor explora a redefinición cultural de Galicia na era global a través de diferentes medios (cine, video, animación, rock, música popular) que cruzan as fronteiras establecidas e desterritorializan as novas zonas fronterizas onde a tradición e a modernidade se disolven, xerando tensións creativas entre o urbano e o rural, o local e o global, o real e o imaxinado.
A obra aposta pola desperiferalización e desterritorialización do mapa cultural galego superando as exclusións hexemónicas tradicionais, sexan baseadas na disciplina, no xénero, nas orixes ou na demarcación territorial, mentres pretende desvincular a dicotomía centro/periferia que historicamente relegou a cultura galega ás marxes.
Esta é a primeira vez que un libro sobre a cultura visual e musical da Galicia contemporánea é publicado en inglés, o que reflicte o crecente interese pola cultura galega no mundo académico internacional. A obra será distribuída na Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, presente en 35 universidades de Europa e América.
José Colmeiro
José Colmeiro (Vigo, 1958), autor de Peripheral Visions/Global Sounds. From Galicia to the World (2017) é doctor pola University of California, Berkeley, en literaturas hispánicas (1989). Na actualidade ocupa a cátedra Príncipe de Asturias na University of Auckland (Nova Zelandia). Anteriormente foi profesor nas universidades estadounidenses de Dartmouth College e Michigan State. Ten 12 libros publicados e numerosos artigos académicos sobre estudos culturais, literatura, cinema e cultura popular en inglés, castelán e galego. Entre as súas obras recentes destaca, pola súa difusión en Galicia, Galeg@s sen fronteiras: Conversas sobre a cultura galega no século XXI (Xerais 2013).
A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.