Notas de prensa

A USC promove unha nova edición do programa Camiño ao Gaiás con rutas nocturnas

Un verán máis, a Fundación USC Deportiva e a Cidade da Cultura organizan conxuntamente o programa de sendeirismo ‘ Camiño ao Gaiás’. Incorpóranse novos percorridos pola noite que farán a ruta contraria: desde a Cidade da Cultura ata o centro histórico de Compostela. Poden participar todos os públicos a partir dos 10 anos de idade.

Nesta ocasión, ás camiñadas habituais das tardes dende o casco antigo á Cidade da Cultura incorpóranse novos percorridos pola noite que farán a ruta contraria. A actividade está pensada para calquera persoa interesada, aínda que non se recomenda para menores de 10 anos.

Percorridos

As rutas diúrnas terán lugar os días 13 e 27 de xullo; 3, 17 e 31 de agosto, e 7 e 14 de setembro. O percorrido, que comeza ás 19.00 horas e dura aproximadamente hora e media, partirá da Oficina de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar, para seguir pola rúa Nova, Caldereiría e a Facultade de Xeografía e Historia. Collendo a rúa das Ameas chegarase ao Mercado de Abastos para logo baixar á rúa da Virxe da Cerca. De aí ao parque de Belvís pola Rúa das Trompas ata coller a rúa do Olvido e a de Sar. Dende a Colexiata de Sar, remontando o curso do río polo paseo fluvial, chégase ao Multiusos para entrar no Bosque de Galicia, cruzalo e ir ata o parque do Lago. A actividade remata na Praza Central da Cidade da Cultura.

Pola súa banda, a ruta nocturna, de menos de unha hora de duración, comeza ás 22.30 horas no Espazo On da Cidade da Cultura de Galicia para baixar polo Bosque de Galicia ata a avenida Diego Bernal. Logo, dende a rúa da Ponte de Sar chegarase á Colexiata e continuarase por Castrón Douro ata rematar na Praza de Galicia. Este percorrido haberao os días 6 e 20 de xullo e 10 e 25 de agosto.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, 2017-06-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES