Notas de prensa

O Centro Dramático Galego pecha en Vigo a xira do espectáculo Martes de Carnaval

O Teatro Afundación acolle o xoves 22 de xuño ás 20,30 h. a montaxe coa que a compañía pública leva a escena, por vez primeira en galego, os esperpentos de Valle-Inclán "As galas do defunto" e "A filla do capitán". A produción regresa á sede do CDG en Santiago para ofrecer as últimas exhibicións do 28 de xuño ao 16 de xullo.

O Centro Dramático Galego (CDG) representará o xoves 22 en Vigo Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, que conclúe aquí a súa xira por oito escenarios de Galicia e Valencia antes de regresar a Santiago para un último período de exhibición. O público vigués poderá ver este espectáculo, integrado polas primeiras versións en galego de As galas do defunto e A filla do capitán, ás 20,30 h. no Teatro Afundación.

A directora do CDG, Fefa Noia; a coordinadora adxunta da Ãrea de Cultura de Afundación, Paloma Vela; e a actriz María Roja presentaron a función, para a que as entradas xa están á venda en www.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500 e nos despachos de billetes das sedes de Afundación en Vigo, Ourense, Santiago e A Coruña, así como na Central de Espectáculos de Vigo.

A creadora pontevedresa Marta Pazos encargouse da dirección artística das dúas pezas de Martes de Carnaval que, a partir de estéticas e ambientacións diferentes, dan conta da vixencia e da valentía da obra do gran autor arousán. Tras a liberación dos dereitos sobre a súa obra, este ano Valle-Inclán incorporouse por vez primeira ao repertorio teatral en galego.

Máis de 30 personaxes

Pazos conta para levalas a escena con dez actrices e actores, que desenvolven un moi esixente traballo interpretativo e físico: ademais de María Roja, Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado e Sergio Zearreta. O elenco dálle vida aos máis de 30 personaxes que suman As galas do defunto e A filla do capitán, nunha montaxe frenética tanto en escena como entre bambolinas.

O primeiro destes esperpentos, As galas do defunto, está ambientado na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao “Madrid moderno” a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.

Diálogo cunha icona

A montaxe de Marta Pazos desenvolve unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor arousán, poñendo o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo con esta icona da literatura universal.

Xunto co persoal técnico do CDG, implicouse neste proxecto un destacado cadro artístico con profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península: Rut Balbís (movemento), Fernando Ribeiro (escenografía), Uxía Vaello (vestiario), José Ãlvaro Correia (iluminación), Hugo Torres (música e asesoría de dramaturxia), Esther Quintas Salgado (caracterización), Manuel Cortés (tradución), Rosa Moledo (asesoría lingüística), Ernesto Arias (traballo de palabra), Gena Baamonde (asistencia de dirección), José Faro “Coti” (asistencia de escenografía e iluminación), María Villas (asistencia de vestiario) e José Díaz (música e asistencia de produción).

Martes de Carnaval, que se estreou o pasado 20 de abril na sede do Centro Dramático Galego en Santiago, finaliza en Vigo un periplo durante o que tamén se representou en Tui, O Barco, Ourense, A Coruña, Rianxo, o festival Tercera Setmana de Valencia e Pontevedra. O espectáculo regresará a Compostela para unha última quenda de exhibición no Salón Teatro do 28 de xuño ao 16 de xullo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-06-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-titeres-redondela-2026.jpg) A programación desta nova edición volverá combinar espectáculos de sala, funcións de rúa, instalacións, música e propostas participativas arredor do mundo dos monicreques, con compañías galegas como Tanxarina Títeres, Títeres Alakrán, Babaluva, Mircromina, Trécola Producións, Troula Animación ou Bico de Toupa, xunto a formacións chegadas de diferentes puntos do Estado e de países como Francia, Italia, Portugal, Uruguai ou Arxentina. Entre as montaxes destacadas figura A Biblioteca Galáctica contra IA Fantástica, de Tanxarina Títeres, recoñecida nos Premios María Casares 2026, ademais de propostas premiadas como Gloria Bendita, de Arteria Producciones, ou Érase unha vez… dous pés!, da italiana Teatro dei Piedi.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Os bos resultados acadados nos últimos anos en biotecnoloxía sitúan a Galicia nunha posición de referencia neste sector, con moita proxección de futuro. A biotecnoloxía pasou de ser unha aposta estratéxica a converterse nun sector económico e científico con masa crítica, capacidades diferenciais e resultados medibles. Así o amosan os resultados acadados na execución da Estratexia de consolidación do sector en Galicia 21-25. Entre eles, destaca a creación de 30 novas empresas biotecnolóxicas, acadando a cifra de 162 compañías actuais; unha facturación de 2.037 millóns de euros, que cuadriplica a de 2021 e se sitúa no 2,6% do PIB; ou o aumento do emprego cualificado vencellado ao sector, acadando as 5.693 persoas traballadoras, tres veces máis desde 2021.

Notas

Xornalista, escritora, activista e un dos discursos máis destacados do feminismo galego contemporáneo. Todas estas voces emanan da figura de Begoña Caamaño a quen neste 2026 se lle dedica o Día das Letras Galegas. A USC a través da Biblioteca Universitaria e da Ãrea de Cultura súmase a esta homenaxe cunha mostra que percorre a traxectoria vital da autora e o seu compromiso co pensamento crítico, coa lingua e cos dereitos das mulleres.
A UVigo afianza o seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da sexta edición do catálogo Quero ser investigadora, unha publicación que recolle a historia de dez científicas da UVigo para inspirar as investigadoras do futuro. Ilustrado pola artista Alba Casanova, a través da técnica do collage debúxase a historia de dez novas referentes, dez científicas, mulleres, dez nenas que contribúen a construír un relato da ciencia máis xusto e representativo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES