Notas de prensa

Os premios Smart Commerce poñen en valor os comerciantes que impulsan a innovación dos seus negocios

Ponse en marcha tamén unha nova convocatoria de axudas dotada con 1,3 millóns de euros para impulsar a modernización e a mellora do imaxe do comercio galego. A directora xeral de Comercio e Consumo informou na Coruña da II edición desta iniciativa, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de agosto.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, presentou no establecemento coruñés Lily&White a segunda edición dos premios Smart Commerce de Galicia, cos que se busca poñer en valor o traballo dos comerciantes que impulsan a innovación dos seus negocios.

Os galardóns, que se publican hoxe no DOG e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 17 de agosto, contan con tres categorías. Así, co premio Smart Commerce, cunha contía de 3000 euros para o premiado a nivel de Galicia e 1500 para o escollido en cada provincia, distinguirase aos comercios galegos que desenvolvan iniciativas innovadoras que supoñan unha clara diferenciación e mellora na fidelización comercial, que activen accións promocionais especiais e que destaquen pola utilización das canles on line e off line de comunicación e venda.

Por outra banda, o premio e-Commerce distinguirá, cunha contía de 1000 euros, ao comercio galego cuxa actividade sexa a venda de produtos a través de internet; e o premio Social Commerce, cunha dotación de 1000 euros, outorgarase ao negocio que amose o mellor aproveitamento das redes sociais para chegar aos seus clientes.

Sol Vázquez Abeal visitou hoxe a tenda Lily&White, situada na coruñesa rúa do Orzán, que gañou o premio Smart Commerce Galicia na súa primeira edición. Este establecemento céntrase na alta cosmética orgánica. O negocio, que conta tamén con venda on line, achega asesoramento persoal aos seus clientes, así como diferentes tratamentos e obradoiros.

Na súa visita, a directora xeral de Comercio e Consumo lembrou tamén que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 1,3 millóns de euros á modernización e mellora da imaxe do comercio de proximidade galego a través dunha nova convocatoria de axudas que hoxe se publica no DOG con apoios para a reforma e acondicionamento de locais comerciais que permitirá tamén a 200 comerciantes acceder á xestión profesional das súas redes sociais.

Por unha banda, os comerciantes poden acceder a axudas de ata 16.000 euros e o 50% do investimento para proxectos de modernización integral dos locais comerciais que conten cun proxecto técnico de decoración e interiorismo. Estas axudas cobren as obras de reforma e acondicionamento integral da superficie de exposición e venda do local, a adquisición de moblaxe e actuacións de mellora da fachada e imaxe exterior. Os establecementos que non conten con proxecto técnico poden obter axudas de ata 3.600 euros e o 40% do investimento a realizar para estes mesmos conceptos.

A través deste programa de axudas, para o que se poderán presentar solicitudes ata o vindeiro 17 de xullo, concederanse, por outra parte, 200 tíckets de xestión de comunidades virtuais, que permitirán acceder a outros tantos comercios aos servizos dun xestor profesional de redes sociais (community manager), no marco do Programa de Social Commerce que se poñerá en marcha a través dun convenio de colaboración que se prevé asinar coa Federación Galega de Comercio. Este Programa de Social Commerce dirixirase fundamentalmente a afianzar o éxito dos comercios galegos no eido das novas tecnoloxías, fixando obxectivos empresariais e compartindo experiencias, novas fórmulas de promoción e comercialización, recursos e tendencias para mellorar a súa competitividade.

Tanto a convocatoria de premios como a orde de axudas enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-06-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES