
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) acolle , a partir do martes 13 e ata o día 16 de xuño, o curso 'Aromas de Mimosas', impartido polo cineasta coruñés Oliver Laxe e no que participarán un total de 50 alumnos e alumnas.
O autor, un dos máximos representantes do Novo Cinema Galego, foi quen de conseguir ser seleccionado e premiado no prestixioso festival de Cannes coas súas dúas primeiras longametraxes. A última destas, Mimosas, gañou o pasado ano a Semaine de la Critique no certame galo. Herdeiro dunha longa tradición do cine moderno, Laxe ofrece estes días un obradoiro na filmoteca galega, no que analiza polo miúdo precisamente cales son as influencias que máis o acompañaron durante o proceso creativo da película.
Cada tarde reflexionará sobre as pegadas deixadas por cada unha das películas que seleccionou nun programa de catro títulos fundamentais na súa percepción do cine. Así, entre mañá martes 13 e ata o venres 16 de xuño, contará pormenorizadamente como se deixan sentir en Mimosas as fitas Francisco, juglar de Dios, Andrei Rublev, La isla desnuda e Carretera asfaltada en dos direcciones.
Restauracións de grandes clásicos
A selección de Laxe permítelles aos espectadores coñecer ou revisar importantes películas do cine moderno. O CGAI puxo esmero en atopar as mellores copias en centros de referencia internacional como a Cineteca Nazionale de Roma. Todos elas chegan en formatos orixinais en celuloide perfectamente preservadas ou son recentes restauracións dixitais en alta resolución. Así, achegarse á filmoteca estes días permite gozar destes filmes nas mellores condicións técnicas posibles.
Os pases son abertos ao público, ás 20,30 horas, a excepción de Andrei Rublev o mércores, que se programa ás 19,30 h. Adicionalmente, o sábado 17 de xuño ás 18,00 horas, Laxe presentará Mimosas como peche do programa. O curso, que terá lugar cada tarde antes das sesións, cubriu as 50 prazas ofertadas. Os alumnos son en boa parte estudantes ou traballadores do sector, mais tamén cinéfilos sen vencello profesional co cine.
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.