
Trazo e son dialogan no concerto inaugural do ciclo de música contemporánea Do Audible, que arranca o venres 9 de xuño, ás 20:30 horas, na basílica de Santa María a Maior. A música do compositor xaponés Hosokawa, interpretada por Vertixe Sonora Ensemble, e a arte da performer e mestra calígrafa Aoi Yamaguchi centran o programa multidisciplinar Caligrafía do son, que tamén contará coa participación da videoartista Masako Hattori.
A quinta edición do ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e Vertixe Sonora inicia cun espectáculo único que ofrecerá varias presentacións históricas do compositor Hosokawa, recoñecido pola súa fusión da música clásica tradicional coa estética oriental. Trátase da estrea mundial de Souvenir aus Japan, dúas estreas en España e a reestrea dunha partitura de 1981, perdida e recuperada recentemente.
Diálogo entre trazo e son
O Shodō, caligrafía xaponesa, unha das belas artes máis populares no Xapón, transfórmase na arte da expresión física dunha performance neste espectáculo, no que tamén terá lugar unha intensa conversa entre a música de Hosokawa e a do seu modelo artístico Tōru Takemitsu, de quen se escoitará a interpretación da partitura gráfica Corona for Pianist(s) (1962), raramente programada.
Próximos concertos
O programa Do Audible continuará o 21 de xuño noutro escenario singular, o Museo Galego do Entroido (Xinzo de Limia), que acollerá o concerto Memorias líquidas. O percusionista brasileiro Luís Bettencourt convida neste espectáculo á apreciación de sons que adoitan pasar desapercibidos da nosa atención, como o son do caer das pingas da choiva sobre o chan ou sobre obxectos, nun fluxo sonoro continuo e inspirador.
Haberá que esperar o outono para gozar da segunda quenda do ciclo, que abrirá Hibridación o 7 de novembro no Paraninfo da Universidade da Coruña. Unha proposta que conta como convidado co zoólogo Julio Parapar, participante en expedicións da Antártida, e que introducirá o público nos conceptos arredor da evolución das especies, para indagar nas liñas da evolución dos instrumentos musicais.
Para pechar o ciclo Do Audible 2017 resérvase a que é unha das propostas máis representativas das novas formas de composición e interpretación: Recoller cascallos, o día 23 na Casa do Saber de Lugo, coa participación do ensemble de Estrasburgo convidado nesta edición, L'Imaginaire.
Concertos de entrada gratuíta
A programación do ciclo Do Audible 2017, de entrada gratuíta para todos os concertos e sesións previas ata completar a capacidade, pode consultarse Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.