Notas de prensa

A exposición Os mundos de Carlos Casares abre as súas portas na capital de Galicia

A mostra central das Letras Galegas 2017 pode visitarse ata o 25 de xuño na Zona “C”, antes de proseguir o seu percorrido por Galicia. A mostra propón un achegamento ao universo vital e literario de Carlos Casares, a través dunha sucesión de territorios simbólicos.

Os mundos de Carlos Casares, exposición central das Letras Galegas 2017, chega á capital de Galicia, onde se pode ver ata o 25 de xuño na Zona “C”. “É unha enorme satisfacción para a Xunta de Galicia acompañar este proxecto, nesta parada en Santiago de Compostela; porque é unha maneira de contribuír a dar a coñecer o autor, pero tamén porque as reflexións e as ideas suxeridas a través desa liña de vida e dos seus textos, esa capacidade creativa e comunicativa da súa palabra, son unha boa semente para o futuro”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de inauguración.

A “festa grande” da cultura galega

Segundo salientou, “a fin deste mes de maio das Letras non supón un peche, senón unha apertura de novas portas e novas fiestras para seguir difundindo e para contribuír ao aprecio social da figura e da obra de Carlos Casares”. Neste sentido, recordou que “todo este mes foi un auténtico fervedoiro de iniciativas da índole máis diversa arredor de Casares e dos seus textos, o que cualificou como “unha auténtica celebración compartida”, ao tempo que se referiu ás Letras Galegas como a festa grande dos nosos libros e da nosa cultura; máis aínda este ano, no que o autor homenaxeado contaba xa co cariño e co recoñecemento de miles de lectores”, dixo.

Logo da súa exhibición na sala José Ángel Valente de Ourense, onde iniciou o pasado mes de abril a súa itinerancia, a exposición permanecerá ata o 25 de xuño na cidade compostelá, para proseguir o seu percorrido por outros puntos da xeografía galega, como a Coruña e o municipio ourensán de Xinzo de Limia.

Un percorrido polo universo de Casares

Os mundos de Carlos Casares é un proxecto itinerante impulsado pola Fundación Carlos Casares, pola Xunta de Galicia, polos concellos de Ourense e de Xinzo de Limia e mais polas deputacións provinciais de Ourense e da Coruña.

Comisariado por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez Domínguez, a mostra propón un achegamento ao universo vital e literario de Carlos Casares, a través dunha sucesión de territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas, A Viaxe, Conviña... e O Redondel, que van explicando as cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e coas súas xentes.

Cinco espazos metafóricos diferenciados, pero permeables grazas a unha coidada montaxe fundamentada na transparencia, que permiten debuxar escenas e activar experiencias sociais, políticas, educativas e artísticas. A cartografía resultante devolve unha imaxe que aspira a ser completada polo público; unha viaxe de ida e volta, circular, que convida a revisitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares que aspira a conectar coas xeracións máis novas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-05-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES