Notas de prensa

O CGAI proxecta o filme Esperpentos de xeito previo ás funcións de Martes de Carnaval

A película de José Luis García Sánchez proxéctase na Filmoteca de Galicia con entrada gratuíta para o público. Con guión de Rafael Azcona, Esperpentos (2008) é unha viaxe pola obra de Valle da man de D. Manolito e D. Estrafalario que pasan os últimos años da ditadura de Primo de Rivera buscando obras prohibidas por orde gobernativa.

O Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) ofrece o sábado 27 de maio, ás 18,00 h., na súa sede da Coruña a proxección do filme Esperpentos, de José Luis García Sánchez, nunha sesión especial que aborda a adaptación cinematográfica da obra de Valle-Inclán. O pase está programado de xeito previo ás funcións que o Centro Dramático Galego (CDG) ofrecerá a vindeira semana na cidade coa súa última produción, Martes de Carnaval, realizada tamén a partir de dúas pezas do autor arousán.

Con guión de Rafael Azcona e fotografía de José Luis Alcaine e Javier Salmones, Esperpentos (2008) é unha viaxe pola obra de Valle da man de D. Manolito e D. Estrafalario, dous personaxes que pasan os últimos años da ditadura de Primo de Rivera seguíndolle a pista ás pezas teatrais do seu admirado dramaturgo, prohibidas por orde gobernativa. Así, un día asisten á lectura de Las galas del difunto, retrato dos soldados que volvían da Guerra de Cuba; noutra ocasión, nunha caseta de feira presencian a representación de Los cuernos de don Friolera, cruel historia da defensa da honra cuarteleira. Están presentes incluso na rodaxe do primeiro filme valleinclanesco: La hija del capitán, un documento xocoso sobre as relacións entre a intendencia militar e a defensa da Patria. E todo, á espera da chegada dun dos seus soños: o da Segunda República Española.

A película, cunha banda sonora na que participou o grupo Milladoiro, conta coa interpretación das actrices galegas María Pujalte e Mabel Rivera, que comparten reparto con Juan Diego, Juan Luis Galiardo, Adriana Ozores, Pilar Bardem, Pepón Nieto ou Magüi Mira, entre outros.

Funcións os días 2 e 3 no Rosalía

Esperpentos incorpórase á carteleira do apartado Fóra de Serie da filmoteca galega, con entrada libre para o público ata completar a capacidade da sala, e asociada á chegada á Coruña de Martes de Carnaval, o espectáculo que o CDG representará no Teatro Rosalía Castro en colaboración co Concello da Coruña os vindeiros días 2 e 3 de xuño, ás 20,30 h. A produción está integrada precisamente por dous dos títulos de Valle-Inclán que guían o argumento do filme Esperpentos: As galas do defunto e A filla do capitán.

A pontevedresa Marta Pazos dirixe esta proposta teatral cun elenco de 10 actores e actrices: Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta. A través do esixente traballo interpretativo e mesmo físico que levan a cabo todos eles, danlle vida a máis de 30 personaxes.

A partir de aproximacións estéticas e temáticas diferentes, as dúas pezas que integran Martes de Carnaval dan conta da vixencia simbólica destes esperpentos de Valle-Inclán, así como da súa valentía á hora de criticar con sátira e retranca as miserias da sociedade.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-05-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES