Notas de prensa

Ficción Producciones presenta na Casa de Galicia en Madrid a serie infantil Tutu

Trátase da primeira serie galega en 3D que emitirá a canle infantil Clan de RTVE, onde se estreará o 29 de maio, ademais de exhibirse en galego na TVG. A Axencia Galega das Industrias Culturais apoiou o seu proceso de produción a través da convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais.

A empresa galega Ficción Producciones presentou na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a primeira serie galega de animación en 3D que estreará a canle infantil Clan de RTVE, Tutu. Os seus episodios, que comezarán a emitirse desde o 29 de maio, poderán verse tamén na súa versión en galego en TVG. Ambas as cadeas e mais o Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC) coproducen esta serie xunto con Ficción, que contou ademais co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da convocatoria de subvencións de 2016 á produción e coprodución audiovisual.

Na presentación, dirixida a medios de comunicación e minoristas, participaron o director de Contidos Infantís de RTVE, Yago Fandiño; a directora xerente de TVG, Rosa Vilas; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o managing director e o marketing manager de Biplano Licensing, Guillem Rey e Xavier Benzekri; os produtores executivos de Ficción Producciones, Julio Casal e Mamen Quintas, e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. Este último deu a benvida aos relatores e asistentes ao acto, presentou o produto en liñas xerais, resaltando a súa galeguidade e a colaboración no mesmo de distintas entidades, públicas e privadas, e deséxolle éxito no seu percorrido.

Fito audiovisual

Pola súa banda, Jacobo Sutil incidiu no fito que supón a estrea de Tutu en Clan no marco do destacado percorrido descrito pola animación galega nos últimos 15 anos. Tras salientar algúns dos títulos que sitúan este ámbito do audiovisual galego no primeiro lugar da súa especialidade en canto a filmes galardoados nos premios Goya, o director da Agadic subliñou a traxectoria de Ficción como unha das produtoras galegas máis activas e solventes, especialmente en formatos televisivos.

Sutil explicou que a Xunta contribuíu á materialización deste proxecto cunha achega duns 159.000 euros a través da devandita convocatoria de axudas da Agadic. Para estas adxudicacións, as comisións independentes encargadas de examinar as diferentes propostas valoran tanto a achega cultural e social como a súa vocación de comercialización nacional e internacional, “vocación que estivo sempre clara no caso de Tutu, como agora demostra a súa emisión en Clan”, asegurou.

Na presentación, explicouse o proxecto e a súa evolución, desde as orixes dos personaxes no espectáculo teatral de marionetas Rosalía, a pulga que escribía, ata a súa agora inminente estrea. Proxectouse, ademais, material gráfico sobre Tutu, características, personaxes, decorados, tipo de historias etc., así como un tráiler de avance.

Dirixida por Juan Galiñanes e Julio Casal, esta serie para público infantil xira arredor dun grupo de amigos que aprenden xuntos usando a súa imaxinación e o traballo en equipo. Tutu é un pequeno canguro motorizado ao que lle encanta xogar e explorar o mundo cos seus amigos: Rafa, unha xirafa en patines; Nina, unha pulga inqueda e divertida; Linda, una ovelliña que vive pegada á súa tablet; Fante, un elefante gentleman, e Tupa, unha avoa cariñosa e algo rosmona. Xunto a eles, o aventureiro, divertido e curioso Tutu resolve cada día un novo problema.

A serie arranca na programación de Clan con 52 capítulos de sete minutos de duración. O obxectivo principal de cada unha das historias é transmitirlles aos nenos e nenas valores, ensinanzas e conceptos de xeito implícito e con certas doses de comedia.

Contidos extra: App Tutu

Xunto cos episodios de Tutu, o público infantil terá dispoñible unha aplicación para ordenadores, móbiles e tabletas en sistemas Android e IOS. A App Tutu inclúe sete xogos educativos, cada uno deles con tres niveis de dificultade que abranguen unha franxa de idade dos 2 aos 6 anos. Ademais de propiciar experiencias de iniciación temperá nas habilidades das tecnoloxías da información e da comunicación, así como de desenvolvemento persoal, estes xogos tamén estimulan habilidades cognitivas, emocionais e sociais.

Ficción Producciones conta cunha ampla traxectoria no ámbito da animación en Galicia, con títulos como Maimiño, tamén en coprodución co ICAIC da Habana e nomeada aos premios Goya. Na actualidade, está realizando así mesmo Día de mortos, unha ambiciosa longa de animación en coprodución con México e Portugal.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-05-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES