Notas de prensa

'O tren que me leva' segue os pasos de Casares para conmemorar as Letras da man de Renfe e da Xunta

Política Lingüística, Renfe Viaxeiros, ADIF, Leite Noso (Deleite) e Editorial Galaxia únense para levar adiante este programa de actividades que prolonga a difusión da obra de Casares máis alá do 17 de maio. Os alumnos participantes foron recibidos na estación de Ourense.

O proxecto de dinamización lingüística O tren que me leva segue os pasos de Carlos Casares para conmemorar as Letras Galegas 2017 da man de Renfe Viaxeiros, do Adif e da Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración da Fundación Carlos Casares, de Leite Noso (Deleite) e da Editorial Galaxia. O programa de actividades prolonga a difusión da obra do autor homenaxeado pola Real Academia Galega máis alá do 17 de maio.

A estación de ferrocarril de Ourense acolleu o acto de presentación, no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais a delegada territorial da Xunta en Ourense, Mª Sol Díaz Mouteira. Os representantes da Xunta recibiron alí o alumnado do IES de Arzúa, participante nunha das accións do programa O tren que me leva, que os levou en tren ata a Cidade das Burgas.

O secretario xeral agradeceu durante a súa intervención a implicación das empresas públicas e privadas que interveñen nesta acción, mostra “das posibilidades que ofrece a colaboración de entidades de distinto signo a prol da nosa lingua e da importancia que ten estender a defensa do idioma propio de Galicia como parte da responsabilidade social empresarial e máis alá dos foros estritamente intelectuais, tal e como preconizou Carlos Casares”.

García Gómez e Díaz Mouteira estiveron acompañados polo alcalde ourensán, Jesús Vázquez; polo xerente de Servizo Público de Galicia de Renfe, José Enrique Fonte; pola xerente de Leite Noso (Deleite), Patricia Sánchez; e polo director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.

Solta de libros e roteiro literario

Tras o acto, o alumnado do IES de Arzúa realizou na mesma estación de tren, cuxas instalacións cedeu o ADIF para a actividade, unha solta de 90 libros da Biblioteca Carlos Casares entre os viaxeiros. Foron exemplares dos títulos Vento Ferido, Ilustrísima, O sol do verán e Os mortos daquel verán. Os estudantes distribuíronos recomendándolles aos receptores que os lesen e, ao rematalos, os deixasen quedar no tren ou na estación para que outra persoa puidesen coñecer a obra do autor a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas.

A seguir, o alumnado arzuán percorreu o Roteiro Carlos Casares, deseñado polo escritor e investigador Afonso Vázquez-Monxardín, quen foi o guía da rapazada ao longo de 18 puntos emblemáticos da cidade de Ourense especialmente relevantes na vida do autor das Letras.

De volta ás súas casas, os viaxeiros e viaxeiras do IES de Arzúa foron os primeiros en ver os repousacabezas coa imaxe institucional do Día das Letras Galegas que estarán durante un mes á vista dos usuarios de 11 trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo e A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense.

Na viaxe en tren de ida e de volta realizaron diversas actividades relacionadas coa figura e a obra de Carlos Casares, accións coas que se busca prolongar a celebración das Letras Galegas e a difusión da obra do autor ourensán máis alá do 17 de maio.

Casares e o tren

Carlos Casares, autor a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas, está estreitamente vencellado ao tren: mostrou desde sempre unha afección enorme por este medio de transporte e mesmo posuía unha maqueta enorme dun ferrocarril no xardín da súa casa. No ano 2000 participou, xunto con máis de 80 escritores europeos, no Expreso da Literatura Europea que, durante mes e medio, percorrería o Vello Continente desde Lisboa ata San Petersburgo con escritores de distintos países e en distintas linguas entre as que, da man de Carlos Casares, viaxaría a galega.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-05-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES