Notas de prensa

As bibliotecas públicas de A Coruña homenaxean a Carlos Casares con motivo da celebración das Letras Galegas

Os rapaces poderán coñecer un pouco máis polo miúdo a figura do autor ourensán divertíndose cunha morea de actividades programadas ao longo do mes de maio. A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago organiza o Concurso de Carteis para nenos e nenas de entre tres e trece anos, na sétima edición.

As bibliotecas públicas da Xunta de Galicia celebran en torno ao 17 de maio a grande efeméride das Letras Galegas, que este ano rende homenaxe á dedicación ao libro, á cultura galega e á creación literaria do ourensán Carlos Casares. A variedade de actividades programadas polas bibliotecas autonómicas permite que persoas de todas as idades se acheguen á figura deste grande escritor e editor.

O día 18 de maio impartiranse dúas conferencias sobre Carlos Casares nas bibliotecas públicas da Coruña e Santiago, ambas as dúas ás 19,00 horas. Na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago Häkan Casares Berg lembrará a figura do seu pai, ofrecendo a súa visión familiar deste persoeiro das letras. Mentres, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña falará Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, que incidirá na actividade do autor como tradutor e os seus estudos sobre Ernest Hemingway.

Lugares de encontro, xogos e actividades

Os rapaces poderán coñecer un pouco máis polo miúdo a Casares divertíndose cunha morea de actividades ao longo de todo o mes de maio. Nas bibliotecas da Xunta atoparán lugares de encontro, xogos, concursos, exposicións, propostas didácticas, contacontos, recitais e actividades musicais para lembrar que Casares foi un pioneiro da literatura infantil en galego. Por exemplo, a Biblioteca Pública Ánxel Casal organiza o Concurso de Carteis do Día das Letras Galegas para os nenos e nenas de tres a trece anos, que este ano chega á sétima edición. Os traballos depositaranse na biblioteca ata o 12 de maio. Os tres carteis máis creativos e orixinais recibirán premios e agasallos nun acto que terá lugar o día 18 de maio ás 18 horas. Todos os carteis presentados exhibiranse desde o 18 de maio ata o 16 de xuño na sala infantil da biblioteca. Esta exposición acompañará a dúas mostras bibliográficas de coleccións da biblioteca que poderán visitarse ao longo de todo este mes.

O 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, alumnos e alumnas de centros de Santiago de Compostela participarán no Gran xogo das Letras Galegas. Os rapaces indagarán na orixe e significado do día que rememora a publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, un 17 de maio do 1863, ao tempo que descubrirán interesantes datos sobre a vida e a obra de Casares.

Contacontos, mostras e música

A Biblioteca Ánxel Casal completa a súa programación cos contacontos dos sábados 20 e 27 de maio, ás 12,00 horas, para nenos e nenas de tres a doce anos. No contacontos do día 20,As laranxas máis laranxas,o bardo Abelardo creará todo un espectáculo adaptando contos e obras de teatro infantil de Casares para contalos e cantalos acompañado da súa concertina. No último sábado de mes, Lisístrata rende homenaxe a Casares con historias Contadas coa súa voz e coa nosa palabra, de obras que chegaron a converterse nos clásicos da literatura de hoxe.

Na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, os nenos e nenas de seis a doce anos poderán visitar durante todo o mes de maio unha mostra bibliográfica sobre Casares, completada cunha proposta didáctica permanente publicada en bloggit, o bloque da sala infantil.

O sábado 20 de maio, ás 12,00 horas, a música de violín e os contos fabricados polo Contador de Contos con Efecto Retardado, combinará e entrelazará unha sarta de historias que se irán esfiando de vagariño nas que nenos e nenas de catro a once anos atoparanse coa invención,da man de Marisa Irimia,de cousas estrambóticas e imposibles. Rematarán os actos de homenaxe o sábado, 27 de maio, ás 12,00 horas, co contacontos ilustrado Os xoguetes de Clío. Os nenos e nenas a partir de tres anos emprenderán unha longa viaxe en tren, acompañados polo Correo do Vento, na que aparecerán mesturados distintos datos da vida de Carlos Casares e moitos dos seus personaxes.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-05-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES