
O xurado da segunda edición do maratón audiovisual Findecurta, programa ideado para contribuír á promoción do audiovisual galego e ao impulso de novos creadores en lingua galega, premiou a curtametraxe Asasino, do equipo de rodaxe Zihuatanejo, por realizar unha transposición comprimida e lisérxica da novela Dez Negriños de Agatha Christie, a cal, aparte dun premio en metálico de 500 euros, participará na 39ª Semana Internacional de Cine de Autor (Grupo Fonmiñá) onde competirá polo Premio á Mellor Curtametraxe galega.
O premio do público, un galardón que non conta con dotación económica, pero que, do mesmo xeito que o premio outorgado polo xurado, si que permite a participación da curta seleccionada na fase de competición da próxima edición da Semana Internacional de Cine de Autor, foi para o equipo 7Sentidxs Films, coa curtametraxe Zombiraxe.
O equipo de rodaxe Zihuatanejo estivo integrado por Andrés Haensel, Miguel Barros, Manuel Coria, Javi R. Gauna, Javier Granda, Vane Rivas, Marta Cardín, Sergio Barreira, Raquel Velasco e Liliane Claro. Pola súa parte, 7Sentdixs Films estivo formado por Iago López, Pepa Yáñez, Víctor Cantero, Anxos Garabana, Iván García e Mariela Acusse.
Todas as curtas resultantes do traballo e da creatividade das persoas que integraron os equipos que entraron a concurso compartiron varios elementos, segundo explicou o comisario de Findecurta. Bruno Máez sinalou neste senso que, independentemente do xénero (aventura, acción, terror, drama, musical, bélico, western...) determinado nun sorteo previo, as curtas presentadas a concurso tiveron a obriga de incluír unha personaxe (o arqueólogo/a Bernaldo/a Peiraio), un obxecto (un ouriñal) e a frase Coma o mestre Cirilo, que cose de balde e pon o fío. O xurado do maratón cinematográfico Findecurta, que este ano duplicou o seu numero de participantes, estivo integrado por Jorge Coira, Fina Calleja e Pablo Cacheda, que durante días avaliou a calidade dos traballos presentados.
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.