Notas de prensa

Unha mostra da USC percorre a obra do poeta romano Ovidio no patrimonio bibliográfico de Galicia

O Colexio de Fonseca acubilla do 8 de maio e ata o 30 de xuño a exposición ‘Ovidius vivit!: mitos, imaxes e libros’. Mostra a través das imaxes dos libros ilustrados a gran repercusión da obra mitolóxica do poeta romano Publio Ovidio Nasón, de cuxa morte se celebra este ano o bimilenario. ‘Ovidius vivit!’ é unha produción da Área de Cultura da USC en colaboración coa Xunta.

‘Ovidius vivit!: mitos, imaxes e libros. A obra ilustrada de Ovidio nas bibliotecas de Galicia’ abrirá ao público o luns 8 de maio ás 20.00 horas cunha presentación á comunidade académica por parte da súa comisaria, a profesora da USC Fátima Díaz Platas. A inauguración oficial terá lugar o 15 de maio ás 19.30 horas, e a ela asistirán ademais o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez.

As numerosas edicións ilustradas da produción literaria do poeta poden atoparse no patrimonio bibliográfico de Galicia, de cuxas bibliotecas (catorce, en concreto) proceden os 68 exemplares ilustrados das distintas obras de Ovidio que se expoñen. Deste xeito, explica a comisaria, esta mostra pretende ademais poñer de manifesto un patrimonio descoñecido “e ás veces desatendido que encerra aspectos inéditos dos centros culturais da nosa comunidade autónoma”.

A exposición estrutúrase en tres ámbitos: un primeiro que presenta a vida, obra e imaxe do poeta; un segundo dedicado a facer un percorrido pola historia da edición ilustrada do poema das Metamorfoses; e un terceiro, no espazo da Capela, centrado exclusivamente na iconografía desta obra.

‘Ovidius vivit!’ é unha produción da Área de Cultura da USC coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Poderá visitarse de luns a sábado de 11.00 a 14:00 e de 17.30 a 20.30 horas.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2017-05-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES