Notas de prensa

O II Congreso 'FP Innova Galicia' porá en valor 40 proxectos dos centros e os vínculos coa empresa

A feira, durante os días 10, 11 e 12 de maio, reúne na Cidade da Cultura a alumnado e profesorado de FP, e a empresarios e responsables de educación de varias comunidades e de fóra de España. 250 estudantes darán a coñecer os seus traballos a uns 7.000 alumnos e alumnas de centros de toda Galicia.

O II congreso ‘FP Innova Galicia’ poñerá en valor un total de 40 proxectos de innovación, nos que participaron 23 centros educativos e colaboraron 30 empresas. Así o avanzou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, na rolda de prensa de presentación das actividades enmarcadas nesta segunda edición da feira, que se celebrará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura os vindeiros 10, 11 e 12 de maio.

Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia –que estivo acompañado polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira; e pola subdirectora de FP, Eugenia Pérez Fernández–, o programa divídese en dúas partes. Por un lado, a parte expositiva, na que un total de 250 alumnos, acompañados de profesorado e empresas colaboradoras, darán a coñecer, a través de actividades demostrativas, os 32 proxectos que desenvolveron na aula, así como as oito miniempresas creadas ao abeiro dos traballos de innovación no marco do programa Eduemprede.

Visita de 7.000 alumnos de toda Galicia

Neste contexto, cómpre salientar que ao longo dos tres días está prevista a visita de outros 7.000 alumnos e alumnas de centros de toda Galicia, principalmente de ESO e de FP Básica, que poderán coñecer de preto os traballos dos seus compañeiros e comprobar as potencialidades que ofrece a Formación Profesional galega.
Empresas de renome e colaboración transfronteiriza

Por outra banda, a feira terá unha parte dedicada a congreso, na que arredor de 300 docentes asistirán ás diferentes charlas e mesas redondas programadas, que contarán coa participación de empresas de relevancia como Navantia, Gas Natural Fenosa ou Estrella Galicia, entre outras. Así mesmo, tamén se organizarán un total de 19 talleres de innovación vinculados cos proxectos expositivos.

Toda a información sobre a feira pode consultarse no seguinte enlace http://www.edu.xunta.es/fp/congreso-fp-innova, e tamén a través dunha aplicación móbil, que estará dispoñible en breve.

Entre as novidades deste ano, ademais de estenderse un día máis con respecto á edición pasada, hai que destacar a presenza de varios responsables institucionais de comunidades autónomas, que tratarán a relevancia dos CIFP en España. Así mesmo, nas mesas redondas tamén se contará coa participación da directora de programas da axencia Brainport Development, N.V. dos Países Baixos, Yvonne van Hest; así como do delegado rexional do Instituto de Emprego e Formação Profissional da Região Norte de Portugal, António Leite.

Ademais, e con motivo de ‘FP Innova Galicia’, pero fóra do programa da feira, organizarase a Comisión de Formación Profesional da Conferencia de Educación, que reúne a todas as comunidades autónomas.

Compromiso coa innovación desde as aulas

Segundo destacou Román Rodríguez, a segunda edición de ‘FP Innova Galicia’ servirá para presentar, nun único recinto, todas as potencialidades que ofrece a Formación Profesional galega a nivel de innovación, tecnoloxía, modernización e empregabilidade. Neste sentido, cómpre destacar que a maior parte dos traballos que se expoñerán resultaron galardoados cos premios que convoca a Consellería para o desenvolvemento de proxectos de innovación didáctica, tecnolóxica ou científica no ámbito da FP, unha iniciativa na que se leva mobilizado máis dun millón de euros desde 2014.

O conselleiro lembrou que a FP é unha ensinanza estreitamente vinculada coa realidade socio-produtiva e coas necesidades da sociedade, posto que mantén un nexo inquebrantable de unión co mundo empresarial, tal e como se observará na propia feira. Así mesmo, animou a seguir ampliando os vínculos entre centro educativo e empresa, co fin de favorecer a empregabilidade dos mozos e mozas e potenciar a competitividade e internacionalización do tecido produtivo.

A FP significa emprego

Tal e como salientou Román Rodríguez, hoxe a FP significa modernización, alta cualificación e, tamén, emprego. O último estudo sobre inserción laboral na Formación Profesional en Galicia mostra que preto de oito de cada dez alumnos titulados no curso 2013/14 (o 76,5%) sobre o conxunto dos activos teñen un emprego, o que supón case 25 puntos máis con respecto ao estudo anterior.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-05-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European ResearchersÂ’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES