
A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel tivo como protagonista, na véspera celebración do Día Internacional do Libro, a banda deseñada. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta mañá na entrega de premios do Concurso BD Vigo, un certame promovido polo centro de xestión autonómica baixo a coordinación de María Vilar que chegou esta ano á súa oitava edición.
Os premiados nas diferentes categorías foron Mateo Segovia, Alejandro García, Víctor Castro, Iago Bouzo, Daniel Celada, Jesús Portela, José Marín e Adrián Alonso. Todos eles recibiron a felicitación da directora da biblioteca, Inmaculada Serrano, e do secretario xeral de Cultura, quen tamén puxo en valor o labor das persoas que veñen xerando, a través do obradoiro de cómic da biblioteca, e semana tras semana, un universo de descuberta e de creatividade arredor da banda deseñada. Se aspiramos dixo a favorecer persoas afeccionadas á lectura e á arte, nas súas máis diversas linguaxes, debemos reparar nestas dinámicas.
O secretario xeral engadiu que na véspera do Día do Libro, no que desde as institucións educativas e da cultura se recorda a importancia de ler, como actividade de pracer pero imprescindible tamén para a nosa formación e evolución como persoas, é moi importante que fagamos públicas iniciativas coma esta. Finalmente, recordou que a nosa tarefa, desde a xestión pública, é favorecer que estas cousas sucedan: poñendo ao voso dispor un lugar de encontro e de traballo, favorecendo a incorporación de novos fondos de banda deseñada para as diferentes idades, e animarvos a que sigades avanzando nese camiño de descuberta compartida arredor da creación artística.
A xornada de celebración do Día do Libro contou tamén cos guionistas David Braña e Francisco García González, que presentaron a súa obra e compartiron co público a súa experiencia no mundo da banda deseñada.
Co gallo do Día do Libro, as bibliotecas e museos de xestión autonómica promoven diversas iniciativas para convidar a cidadanía a conmemorar esta data. Obradoiros, exposicións bibliográficas, liberación de libros, contacontos, sorteos e agasallos para os usuarios e usuarias das bibliotecas son algunhas das propostas que conforman a programación, dispoñible na web de Cultura de Galicia, a través de www.cultura.gal.
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.