Notas de prensa

O Festival da Luz anuncia as 25 primeiras confirmacións do seu ecléctico cartel

O director da Agadic acompañou a Luz Casal e os representantes das entidades organizadoras e colaboradoras na presentación da sexta edición do evento, que nos últimos anos contou co apoio económico da Consellería de Cultura e Educación. A variada oferta artística e a súa faceta solidaria centran o evento en Boimorto do 8 ao 10 de setembro.

A localidade coruñesa de Boimorto volverá acoller por sexto ano consecutivo o Festival da Luz, evento musical e solidario que presentou na Fundación Paideia Galiza da Coruña os primeiros 25 grupos e artistas dun cartel que, como nas anteriores edicións, se caracteriza pola súa gran variedade de estilos e procedencias.

Desta volta, xa están confirmadas as actuacións do grupo británico Dr. Feelgood, os españois Jarabe de Palo, Rulo y La Contrabanda, León Benavente, Guadalupe Plata, Diana Navarro, Depedro, No Me Pises que Llevo Chanclas, Chimo Bayo, Los Vinagres, Rufus T. Firefly, La Fuga e Aries, e os galegos Treixadura, Os Amigos dos Músicos, Eladio y Los Seres Queridos, Terbutalina, Riff Raff, Familia Caamagno, Santiaguiños de Boimorto, Xoán Curiel, The Funkles, Tanxugueiras, Primordiais e Andhrea & The Black Cats.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou a cantante Luz Casal, impulsora do evento, e a Farruco Castromán, da produtora Zircozine, nesta presentación, na que tamén interviñeron Valentín González, presidente da Deputación Provincial da Coruña; María Jesús Novo Gómez, alcaldesa de Boimorto; Juan Rivas, presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia; e Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia, así como os representantes doutras entidades colaboradoras.

Recadación para Oncomet

Participou, ademais, Laura Muinelo, investigadora do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet), que nestes momentos ten en marcha unha campaña de micromecenado para a súa investigación no ámbito da biopsia líquida, ao que se doarán os fondos recadados polo festival.

Como explicou Jacobo Sutil, a Xunta de Galicia vén apoiando economicamente o Festival da Luz a través das anteriores convocatorias de subvencións da Agadic a festivais profesionais de artes escénicas e de música. Lembrou tamén que esta liña específica de axudas anuais mantense desde 2012 como canle estable de apoio público a este tipo de encontros e, para o ano 2017, continúa aberto o prazo de solicitude ata o vindeiro 2 de maio.

Segundo o director da Agadic, o feito de que o Festival da Luz resultase adxudicatario destas subvencións durante os últimos tres anos confirma que esta é unha das citas máis destacadas dentro do mapa galego de festivais de música. Nas súas palabras, trátase dunha “aposta diferente, con atractivos para todos os públicos e, musicalmente, moi ecléctica. Isto último (a súa ampla mestura de artistas, de estilos, de procedencias, de actividades, de públicos...) é o seu principal valor”.

Sutil incidiu, así mesmo, na súa aposta polo contorno natural e rural como marco do festival e a súa compoñente solidaria a favor de diferentes fins sociais, características ambas que o identifican desde o seu nacemento.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-04-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES