Notas de prensa

O arqueólogo Celso R. Cao e o compositor Germán Díaz guían a ‘Noite na Domus’

O programa ‘Noite na Domus’, unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e a través do que se ofrecen visitas guiadas con acompañamento musical ao xacemento da Domus do Mitreo, ofrece o xoves 6 de abril a segunda das tres sesións programadas con dous pases.

O arqueólogo e director da escavación da Domus do Mitreo, Celso R. Cao, será o encargado de guiar esta visita, organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación provincial de Lugo, e cuxo apartado musical correrá a cargo do compositor e intérprete Germán Díaz.

O obxectivo desta iniciativa, promovida desde a Área de Cultura do Campus Terra da USC, non é outro que o de afondar no coñecemento da historia a través dunha viaxe musicada pola xacemento que permita ao espectador achegarse tamén ás diferentes épocas históricas a través das súas composicións sonoras. Daquela, este xoves Germán Díaz será o encargado de interpretar e transmitir a música que escoitaban os nosos antepasados.

A Noite na Domus é un programa pensado para permitir aos asistentes descubrir a familia do centurión que habitou a casa enclavada onde está o xacemento, os motivos do seu traslado, o cargo e os cometidos que desempeñou, xa que máis que un centurión era e persoa encargada da recadación tributaria no Norte peninsular. De feito, como curiosidade cómpre dicir que a propia ara ou altar na honra de Mitra fai máis fincapé en cuestións de recadación que de devoción.

O arqueólogo Celso R. Cao guiará esta visita pola historia que amosa o propio xacemento, un percorrido no que estará acompañado nesta ocasión do zanfoñista Germán Díaz. No relato histórico Celso R. Cao abordará tanto o mundo romano como a Idade Media, un período no que este arqueólogo fará fincapé na construción da catedral e a súa necrópole, así como noutros feitos relacionados, como o que supón a realidade de que basílica non ocupa un lugar central dentro do burgo.

Chegados ao século XVIII, ‘Noite na Domus’ posibilitará unha aproximación ao Pazo de Montenegro, en cuxa fachada aínda se poden atopar elementos decorativos da catedral. As composicións musicais xurdidas da basílica neste século, así como outras creacións máis recentes tamén formarán parte do repertorio que interpretará Germán Díaz.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, 2017-04-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES