Notas de prensa

CRTVG estrea a nova serie Vidago Palace, a primeira coproducción coa RTP

A compañía galega Portocabo e a portuguesa Hop Filmes promoven este traballo conxunto, Vidago Palace, impulsado a raíz da participación de ambas no I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia. A TVG e a RTP estrean esta miniserie, rodada en localizacións e con equipos de ambos os dous países. A TVG programa esta serie os mércores ás 22.15h.

A TVG estreou a miniserie televisiva Vidago-Palace, coprodución da compañía galega Portocabo e a lusa HOP Filmes, en colaboración coa Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e a Rádio e Televisão de Portugal (RTP). Para a súa realización, contou cunha subvención de 238.982 euros da Consellería de Cultura e Educación a través do programa de axudas ao sector audiovisual convocado anualmente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Rodada entre o famoso hotel da localidade portuguesa de Vidago e o Couto Mixo, en Galicia, a representación artística e técnica de ambos os países nesta serie é practicamente paritaria. De feito, a posta en marcha da Vidago Palace recibiu o impulso definitivo a raíz da participación de Portocabo e HOP Filmes no I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto do Cinema e do Audiovisual (ICA) do país veciño ao abeiro da edición de 2015 do Ourense Film Festival (Ouff).

Este é, así mesmo, un dos 16 novos títulos apoiados pola Agadic a través da convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de 2016. Para acadar esta axuda, concedida na modalidade de longametraxes e miniseries de televisión, a proposta superou un proceso de concorrencia competitiva que tivo en conta aspectos relacionados coa súa calidade obxectiva, a súa relevancia cultural, a súa achega ao sector e á promoción do talento audiovisual galego e mesmo a súa viabilidade económica e comercial.

O portugués Enrique Oliveira foi o responsable da dirección durante a súa gravación no Vidago Palace, mentres que o galego Jorge Coira dirixiu a segunda unidade nas terras fronteirizas do Couto Mixto, en Verín.

Coira é tamén o xefe de montaxe e coguionista –xunto co propio Olveira, Araceli Gonda e Manuel Darriba– deste drama romántico, ambientado en agosto de 1936 arredor da historia de amor entre unha aristócrata portuguesa e o fillo do conserxe galego do hotel, co estalido da Guerra Civil como pano de fondo. No reparto de 30 actores e actrices atópanse, así mesmo, os galegos David Seijo, Antonio Mourelos, Eva Fernández, David Novas, David Amor, Sheyla Fariña e José Antonio Touriñán, entre outros. Tamén figuran no equipo Ana Míguez e Alfonso Blanco na produción, Xavi Font na banda sonora e Antonio Pereira na dirección de arte.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-03-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES