Notas de prensa

Nace no CiTIUS o sistema automático máis preciso do mundo para interpretar o electrocardiograma

O novo método, que mellora todas as técnicas dispoñibles, atraeu xa a atención de investigadores do prestixioso Massachusetts Institute of Technology (MIT). Desenvolvido por investigadores do programa de e-Saúde do CiTIUS, publícase no IEEE Journal of Biomedical and Health Informatics.

No corazón dunha persoa xéranse diariamente arredor de 100.000 latexos, o que dá unha idea da inmensa cantidade de datos que haberá que xestionar nos próximos anos no ámbito da e-Saúde, coincidindo coa chegada das novas estratexias de monitorización domiciliaria que propiciarán os novos sensores de baixo custo coñecidos como wearables (reloxos, camisetas intelixentes, etc.). Un seguimento 24 horas do paciente que permitiría alertar de calquera alteración en tempo real, e que a día de hoxe é completamente inviable mediante a análise manual (ou mesmo asistida) por parte do médico especialista.

Polo xeral, os sistemas automáticos para a interpretación do electrocardiograma (ECG), utilizados en áreas tan críticas como as Unidades de Coidados Intensivos (UCI), reveláronse inexactos e pouco fiables, a causa da súa escasa ou nula capacidade para disociar os sinais identificados como ruído da información principal, o que obriga aos facultativos a supervisar persoalmente o proceso.

Mais, que fai a un cardiólogo imprescindible á hora de interpretar un electrocardiograma? Por que un médico especialista pode detectar con relativa facilidade falsas alarmas ou interferencias no sinal, e a unha máquina resúltalle tan complicado? A pesar do intenso traballo de investigación realizado ao longo dos últimos 25 anos, as aproximacións desenvolvidas ata agora non foron quen de emendar as alteracións nos datos contidos no ECG, especialmente cando a proba diagnóstica se realiza en contornas pouco controladas, como sucede no caso da monitorización extra-hospitalaria, onde calquera xesto aparentemente irrelevante do paciente (como vestirse ou quitar a roupa) pode interferir no proceso de rexistro da súa actividade cardíaca. Así, os informes obtidos a través dos sistemas clásicos veñen xeralmente acompañados dun número excesivo de falsas alarmas, o que na práctica provoca que os médicos os ignoren.

Cambio de paradigma

Se os sistemas clásicos non funcionan adecuadamente, por que non reconsiderar a formulación inicial? Esta pregunta levou a un equipo de investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) a desenvolver o procedemento ‘Construe’, un novo método para a interpretación de sinais electrocardiográficas baseado nun modelo de razoamento distinto ao que se coñece como abdutivo, e que en esencia consiste en considerar a interpretación do electrocardiograma como un proceso de formación de conxecturas que deberán ser verificadas a posteriori.

Trátase dunha metodoloxía que vai máis alá da mera observación, permitindo interpretar correctamente aqueles fragmentos afectados por ruído en base ao seu contexto para reducir de xeito moi relevante o número de falsas alarmas. Os humanos facemos uso do razoamento abdutivo cando respondemos a unha situación formulando hipóteses que poidan explicala da maneira máis precisa posible. Grazas a esta metodoloxía podemos, por exemplo, comprender unha conversa telefónica ruidosa malia non ser quen de entender todas as palabras, xa que o noso cerebro analiza o oído e constrúe unha frase como a mellor hipótese que responde ao fío da conversa, onde o seu contexto xoga un papel fundamental.

Afrontando o gran salto

O novo método, desenvolvido polos investigadores do programa de e-Saúde do CiTIUS Tomás Teijeiro, Paulo Félix, Jesús Presedo e Daniel Castro, foi publicado na revista IEEE Journal of Biomedical and Health Informatics. Tras validar a súa eficacia utilizando unha base de datos de referencia (que ofrece aos científicos ao redor de 50 rexistros de ECG para examinar a resposta dos seus algoritmos), os autores comprobaron que os seus resultados melloraban substancialmente as prestacións de todos os sistemas automáticos dispoñibles, sendo mesmo comparables ás ofrecidas polos semi-automáticos (aqueles supervisados por un experto).

A análise confirmou axiña as potencialidades do algoritmo, que xa deu lugar a varias colaboracións internacionais. “A máis recente está en desenvolvemento con investigadores do Broad Institute of MIT and Harvard”, afirma Tomás Teijeiro, principal autor do traballo. “O Broad Institute está a realizar un estudo sobre a influencia xenética en distintas patoloxías cardíacas, e confiou no noso método para a medida do intervalo QT en sinais de electrocardiograma”. O intervalo QT é un indicador asociado á morte súbita, pola súa relación coas paradas cardiorrespiratorias, e a súa avaliación é dunha enorme utilidade en múltiples ámbitos clínicos. A industria farmacéutica, por exemplo, utilízao para avaliar se un novo fármaco é viable ou non, ante os seus posibles efectos adversos no organismo.

“Publicamos o noso método como software libre e os investigadores do MIT descargárono para usalo no seu estudo, poñéndoo a proba con preto de 50.000 rexistros de ECG”. Para Teijeiro, esta validación demostra que “o noso método é máis fiable e robusto cá o resto dos algoritmos dispoñibles”, xa que foi verificado tomando como referencia “unha base de datos inxente, que supera en varias ordes de magnitude o número de rexistros que usaramos nós”, sentencia.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, 2017-02-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Foron presentadas as xornadas Galicia Biodays, que buscan posicionar Galicia como un territorio de referencia en innovación biotecnolóxica no ámbito internacional. Este evento vaise celebrar os días 6 e 7 de maio no Auditorio Mar de Vigo, e permitirá reforzar a marca Galicia Calidade en biotecnoloxía, fomentar o intercambio de coñecemento e establecer novas colaboracións científicas, empresariais e institucionais. Está previsto que asistan máis de 1000 persoas de 9 biorrexións convidadas, con máis de 130 relatores.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) Alfonso Rueda informou de que o Consello deu conta do inicio da tramitación do anteproxecto da que será 'a primeira Lei do terceiro sector da acción social de Galicia'. Unha norma que busca 'unificar nun único texto legal a regulación deste eido e recoñecer de xeito formal o seu traballo e o papel que xogan as entidades na sociedade galega'. A necesidade de aprobar esta lei xustifícase na importante presenza destas entidades en Galicia, preto de 1.500, -que constitúen 'unha auténtica rede de solidariedade', segundo resaltou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García-, para apoiar as persoas e fogares máis vulnerables.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá do 10 ao 14 de agosto dous congresos internacionais, o Third Solar MHD Conference e o New Frontiers in Cosmology, coincidindo co fenómeno da eclipse. Dúas citas para especialistas na materia que contan coa colaboración da Universidade da Coruña.
Financiado pola convocatoria comunitaria Europa Creativa, o proxecto HYP-Hypothesis You Preserve, ten entre os seus obxectivos a creación dunha 'enciclopedia dixital colaborativa de historia alternativa', unha disciplina que propón reflexionar sobre que tería acontecido se determinados feitos históricos se tivesen desenvolvido dunha forma diferente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES