
A compañía galega Talía Teatro presenta o venres 11 de novembro no Salón Teatro de Lalín o seu último espectáculo, Foucellas. Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo dan vida á historia do famoso maquis galego, na que ficción, mito e realidade se mesturan para nos propoñer unha reflexión sobre un momento único e determinante da nosa historia.
A nova proposta ven referendada por un dos grandes nomes da escena galega, Cándido Pazó, quen dirixe e asina o texto orixinal escrito ex profeso para este espectáculo. Unha peza dramática que, alén de afondar no mítico personaxe galego de Foucellas, propón unha reflexión profunda sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza e a administración da derrota.
Dani Trillo asina a escenografía e o deseño gráfico da obra, mentres que Artur Trillo se encarga da distribución desta proposta, na que participan, así mesmo, Afonso Castro (iluminación), Martina Cambeiro (vestiario e maquillaxe), Manuel Riveiro (música), Auri Ferreiro (produción), Rubén Prieto (fotografía e vídeo) e Belén Pichel (axudante de dirección).
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.