Notas de prensa

Ibuprofeno Teatro presenta en Tui a súa particular Raclette, na que os protagonistas tratan de sobrevivir a unha sociedade de contradicións

Atopar a identidade individual nun contexto social globalizado e complexo que non somos quen de controlar e que remata por levarnos a situacións absurdas e cargadas de sarcasmo. 45 espectadores poderán vivir a representación en primeiro plano no propio escenario.

Raclette é a obra que Ibuprofeno Teatro presenta o sábado, 5 de novembro, ás 20.30h no Teatro Municipal de Tui dentro da programación de outono da axenda cultural. A raclette tradicional, reunión arredor dunha pedra quente onde os pastores suízos quecíanse e escorrentaban a soidade mentres compartían queixo, carne e verduras, actualízase agora a unha versión contemporánea na que se abordan os problemas actuais.

Pero os protagonistas non estarán sos durante a cena, xunto a eles, 45 espectadores poderán seguir o espectáculo dende o propio escenario, arredor da mesa onde ten lugar a representación, o que reforzará a idea de que os protagonistas abren a súa intimidade. Neste caso, o prezo das entradas é o mesmo e non implica que os asistentes teñan que participar na obra senón que son espectadores da trama, pero en primeira liña.

Nunha montaxe innovadora, a Raclette dirixida por Santiago Cortegoso levará ao escenario dúas cenas, e dúas tramas diferentes, nun mesmo espazo e tempo. Os cinco actores - Toni Salgado, Deborah Vukusic, Marián Bañobre, Iria Sobrado e Salvador del Río - cociñarán e compartirán comida á vez que tratan temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia. Todos eles están a pasar por momentos de cambio e inestabilidade na súa vida nunha sociedade enferma que os devora sen remedio. Os cinco compartirán mesa e comida, pero en dúas tramas nas que á vez se produce un choque de visións que obrigan a convivir dentro da diferenza.

Por unha banda, Paula, ambiciosa axudante de dirección nunha produtora, seleccionou a Mateo para protagonizar unha importante serie de televisión, polo cal convida a cear Raclette aos seus pais para negociaren as condicións laborais do rapaz. Esta estratexia é moi mal vista pola súa parella, Raúl, que odia o universo audiovisual.

Por outra banda, Mario, xornalista de prestixio, que sofre a angustia de ter quedado no paro, espera que chegue do traballo Miriam, a súa parella, que se atopa nun estado de profunda tristeza tras a morte do seu único fillo Nico.
A obra ten unha duración aproximada de 75 minutos e foi galardoada co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais de 2014 e coa mención ao mellor espectáculo de sala da 19 edición da Feira de Teatro de Castilla y León – Ciudad Rodrigo.

Gabinete de Comunicación do Concello de Tui, 2016-11-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES