Notas de prensa

O Festival Cineuropa de Santiago chega á súa 30ª edición con máis de 200 filmes

Entre as 30 películas da sección Oficial, atópanse dúas producións con participación galega: Mimosas, que se estrea en Galicia, e María (y los demás). Outras trece fitas exhibiranse dentro do Panorama Audiovisual Galego, unha das 18 seccións arredor das que se articula o certame, que este ano lle renderá tributo a Carlos Saura, Lola Dueñas e Chema Prado.

O festival Cineuropa deu a coñecer a programación da súa trixésima edición, que se desenvolverá en Santiago do 8 ao 27 de novembro arredor de 18 seccións con máis de 200 filmes en cartel, coloquios con cineastas, mesas redondas e actividades escolares, entre outras accións de difusión da sétima arte.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto ao alcalde de Compostela, Martiño Noriega; a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; e o director do festival, José Luis Losa.

Tal e como sinalou Sutil, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve colaborar economicamente co certame compostelán e poñer á súa disposición os equipamentos técnicos e humanos de dous dos seus espazos –o Salón Teatro e mais o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)– como sedes de Cineuropa xunto co Teatro Principal, Afundación e a sala Numax.

Programa Cinema en Curso

Este ano, ademais, o festival inclúe entre os seus apartados a proxección dos traballos gañadores no programa pedagóxico internacional Cinema en Curso, que en Galicia coordina Cultura e Educación a través do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e no que participan tamén centros de Cataluña, Madrid, Arxentina e Chile.

Sutil Nesta felicitou o certame compostelán por estas tres décadas de traxectoria e sinalou, que máis alá do balance cuantitativo, cómpre destacar outros dos seus importantes valores, como os novos cinéfilos que xurdiron arredor de cada nova edición ou as oportunidades de intercambio e proxección que lles ofrecen aos realizadores e intérpretes galegos.

Estrea en Galicia do filme de Oliver Laxe

Neste sentido, destacou os 13 traballos que se exhibirán na sección Panorama Audiovisual Galego, ademais das producións con participación galega que competirán na Sección Oficial. Trátase de ‘Mimosas’, coa que Oliver Laxe gañou o premio da Semana da Crítica de Cannes e que se presenta por vez primeira en Galicia, e ‘María (y los demás)’, de Nely Reguera, estreada na pasada edición do festival de cine de San Sebastián. Ambos filmes, promovidos polas compañías galegas Zeitun e Frida Films, respectivamente, foron subvencionados pola Xunta a través do programa de axudas públicas á produción e coprodución audiovisual que mantén a Agadic.

Tamén poderán verse en Cineuropa os últimos títulos de nomes tan recoñecidos internacionalmente como Olivier Assyas, Marco Bellocchio, François Ozon, Xavier Dolan, Bertrand Bonello, João Pedro Rodrigues, Ulrich Seidl, Bruno Dumont, Cristi Puiu e Alain Guiraudie. E contarase, ademais, coa presenza en santiago de cineastas como Albert Serra, Pascale Breton, Eugenio Canevari, Alberto Morais ou Adolfo Dufour para presentarlle ao público as súas películas.

Cineuropa, que este ano lles concede os seus galardóns honoríficos ao director Carlos Saura, á actriz Lola Dueñas e ao ex director da Filmoteca Española, Chema Prado, inaugurarase o vindeiro martes 8 co filme arxentino ‘El ciudadano ilustre’, que obtivo o premio ao mellor actor no festival de Venecia e a Espiga de Prata na Seminci de Valladolid.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-11-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES