Notas de prensa

425 persoas participarán nas primeiras oposicións da Xunta de Galicia reservadas á discapacidade intelectual

A Xunta reserva a este colectivo seis prazas de emprego público, e na Oferta de Emprego deste ano o Goberno galego aumentou a 33 o número de prazas. Para desenvolver este proceso, a Consellería de Facenda está a colaborar coas organizacións Fademga e Down Galicia.

Un total de 425 persoas foron admitidas para participar nas primeiras oposicións da historia da Xunta reservadas especificamente para persoas con discapacidade intelectual, tal como recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). As listas son provisionais e inclúen os aspirantes admitidos no proceso selectivo convocado en marzo, e que inclúe seis prazas na categoría 003 –ordenanza e outras- do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta. Estas listas tamén inclúen todas as persoas aspirantes que foron excluídas e a causa de exclusión.

As persoas interesadas poden consultar as relacións de admitidos e excluídos no portal web funcionpublica.xunta.gal. A relación de excluídos pódese consultar tamén no Diario Oficial de Galicia. Desde o día seguinte á publicación no DOG da resolución pola que se aproban e se fan públicas as listas, as persoas interesadas dispoñen de dez días hábiles para presentar reclamacións.

Para realizar este proceso, a Consellería de Facenda asinou en marzo un acordo con representantes de Down Galicia e da Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade Intelectual ou do desenvolvemento (Fademga), para facilitar a entrada deste colectivo na Xunta de Galicia.

Como peculiaridade deste proceso selectivo respecto ao resto das oposicións xestionadas pola Dirección Xeral da Función Pública, foi necesaria a colaboración da Consellería de Política Social e dos órganos equivalentes doutras comunidades autónomas na valoración dos informes sobre o tipo de discapacidade dos aspirantes.

Unha vez examinadas e resoltas as reclamacións presentadas, a Dirección Xeral da Función Pública dará a coñecer as listas definitivas de admitidos e excluídos no Diario Oficial de Galicia.
33 prazas máis ofertadas este ano


Estas oposicións son as primeiras da historia da Xunta de Galicia que son reservadas exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual, co obxectivo de facilitar a inserción laboral deste colectivo na Administración autonómica.

De feito, a Oferta de Emprego Público para 2016 incrementou o número de prazas ofertadas respecto ao ano anterior, ata chegar a 33 prazas. Delas, 17 son para celadores do Sergas, 12 para funcionarios subalternos e 4 para o corpo auxiliar (grupo C2).
Adaptación ao contorno laboral


Para facilitar a adaptación ao seu novo contorno laboral, a Xunta realizará accións de formación e orientación sociolaboral previas ao ingreso ou no ano de inicio da prestación de servizos na Administración galega, como accións de apoio ao desenvolvemento no posto de traballo ao longo da súa carreira profesional.

Entre as actuacións máis relevantes que se levarán a cabo están a realización de cursos de formación específicos previos ao ingreso, que serán impartidos por persoal da Xunta co apoio do persoal de Fademga e Down Galicia. Prestarase tamén apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo e ao contorno laboral dos traballadores con discapacidade intelectual. Ademais, levarase a cabo un seguimento do desempeño da actividade laboral que incluirá formación continua en competencias instrumentais, transversais e laborais para este colectivo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-11-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES