Notas de prensa

Un libro do ano 1523 e un Quijote de 1780, entre as xoias da Biblioteca do Xelmírez I

O Consorcio de Santiago colabora con 22.000 euros co IES Arcebispo Xelmírez I na restauración dos fondos bibliográficos da biblioteca antiga do centro, dun importante valor histórico como unha primeira edición completa de L´Encyclopédie ou Dictionnaire Raisonné des Sciences, des Arts et des Métiers, de 17 volumes de texto e 11 con láminas.

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Martiño Noriega; o director do instituto, Manuel Portas; a conservadora e restauradora de obras de arte experta en documento gráfico Barca Cereijo; e a xerente do Consorcio, Belén Hernández, presentaron os avances do proxecto; xunto a outros profesores do centro que están a colaborar nesta iniciativa.

A restauradora Barca Cereijo explica que o IES Xelmírez I posúe un notable patrimonio bibliográfico, unha parte del herdado do antigo Instituto de Segundo Ensino de Santiago, creado en 1845, época na que o centro compartía aulas, profesorado, biblioteca e laboratorios coa Universidade. Recolle os fondos bibliográficos acumulados durante toda a súa historia, procedentes do período vencellado á universidade, de doazóns de antigos profesores, adquisicións propias… "É posiblemente unha das máis importantes e mellores bibliotecas que se poden atopar nun instituto galego", asegurou a restauradora. Pola súa parte, o director do centro manifestou a importancia de "brindar á sociedade exemplares que conformaron parte do coñecemento científico deste país en séculos pasados".

O centro solicitara unha proposta de tratamento para a restauración dunha enciclopedia francesa. Ao comprobar as condicións nas que se atopaban as instalacións e o perigo que podía supoñer para as obras existentes, a restauradora recomendou un tratamento xeral das instalacións, eliminando algúns problemas e reducindo as posibles ameazas que poderían afectar ás obras alí depositadas.

"As obras débense manter nunhas determinadas condicións. O tempo favorece a proliferación de problemas, pois tanto os factores ambientais como a propia natureza das obras -que se degradan química e bioloxicamente- prexudican a súa integridade", sinalou a restauradora. Así, realizáronse tarefas de mellora das instalacións e de conservación das obras. Instalouse un sistema de ventilación asistida que permite controlar a humidade relativa, co fin de evitar a proliferación do mofo, e renováronse as fiestras. Tamén se fixeron melloras nas librarías e nos estantes.

Debido ao elevado valor dalgunhas pezas, adquiriuse mobiliario de seguridade para custodialas, financiado polo Consorcio de Santiago. O organismo tamén financiou as tarefas de conservación e restauración. A restauradora traballou durante oito meses no tratamento das pezas existentes, incluíndo unha toma inicial de fotografías, baleirado e limpeza de estantes, limpeza individualizada das obras con aspirador profesional e produtos específicos e unha toma final de fotografías. Durante a limpeza das obras detectouse a presenza de insectos bibliófagos, mofo e outras deterioracións nos libros causadas polas condicións ambientais e pola manipulación ao longo do tempo.

Nunha segunda fase, que se desenvolverá o vindeiro ano, as principais actuacións previstas na biblioteca son a restauración de L´Encyclopédie ou Dictionnaire Raisonné des Sciences, des Arts et des Métiers e o tratamento dunha serie de láminas e mapas. E o seguinte paso será "facer unha exposición para que os cidadáns poidan desfrutar destas xoias", tal como indicou a xerente do Consorcio. Pola súa parte, o alcalde fixo referencia a "un patrimonio bibliográfico de gran valor que estaba oculto" e mostrou "toda a disposición" do Consorcio para "seguir a traballar na recuperación da biblioteca".

Obras de moi difícil localización na actualidade

Entre os fondos bibliográficos da biblioteca histórica do Instituto Xelmírez I destaca unha primeira edición completa de L´Encyclopédie ou Dictionnaire Raisonné des Sciences, des Arts et des Métiers, que consta de dezasete volumes de texto e once con láminas, unha edición comezada en 1751 e finalizada en 1772. O libro máis antigo, escrito en latín, é a Geographia de Strabón, publicada en 1523 en Basilea. Tamén conta co Diccionario Octolingüe de Ambrosii Calepini, editado en Lyon no ano 1681; dous volumes encadernados en pergamiño e escritos en latín, hebreo, grego, francés, italiano, alemán, español e inglés.

Entre os atlas cómpre sinalar os de Dufour, Tomás López e o Atlas do Mundo Clásico de Spruner-Menke. Así mesmo, ten unha edición de 1872 da Divina Comedia de Dante ilustrada por Gustavo Doré; xunto con numerosos volumes de autores clásicos como Cicerón, Horacio, Ovidio, Quintiliano, Tácito, Perico ou Livio, en edicións dos séculos XVI, XVII e XVIII. A biblioteca posúe ademais a Opera Omnia Senecae, unha edición latina de 1605. E atesoura o Cursus Mathematici de Pietro Herigono (París, 1644), composta de seis volumes bilingües latín-francés e considerada como a auténtica enciclopedia que recompila o esencial dos coñecementos científicos da época.

Por outro lado, custodia a Historia da Igrexa de Santiago do Cóengo López Ferreiro, 11 tomos publicados entre 1898 e 1907; e a Biblioteca de Autores Españois, de 71 tomos e publicada entre 1864 a 1880. E conserva un Don Quijote de 1780 editado pola Real Academia Española e varias edicións do Diccionario de la Lengua Española, tamén da Real Academia. Á marxe destas xoias bibliográficas, ten primeiras edicións de libros de literatura e historia de Galicia de moi difícil localización na actualidade.

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2016-10-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES