Notas de prensa

O IX Santiago(é)tapas consolídase como un referente gastronómico e turístico

Nas oito edicións celebradas, Santiago(é)tapas superou xa as 245.000 tapas vendidas; e rematou a oitava con máis de 31.000 tapas consumidas nos 69 locais participantes. Estas cifras ratifican ao evento non só como promotor da gastronomía local e como atractivo turístico, senón tamén como dinamizador do consumo e incentivo de calidade.

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e o vicepresidente primeiro da Asociación Hostalería Compostela, Germán González, presentaron no Pazo de Raxoi a novena edición do concurso de tapas da cidade, Santiago(é)tapas, que terá lugar en Santiago de Compostela entre os días 17 de novembro e 4 de decembro.

Esta novena edición de Santiago(é)tapas será a segunda na que o Concello, a través de Turismo de Santiago, e o sector turístico, a través da Asociación Hostalería Compostela, organizan conxuntamente o evento gastronómico máis importante da cidade, consolidado coma un referente para a promoción turística da gastronomía de Compostela.

Nas oito edicións celebradas, Santiago(é)tapas superou xa as 245.000 tapas vendidas; e rematou a oitava con máis de 31.000 tapas consumidas nos 69 locais participantes. Estas cifras ratifican ao evento non só como promotor da gastronomía local e como atractivo turístico, senón tamén como dinamizador do consumo e incentivo de calidade para os locais.

Na estrea da súa colaboración en 2015, Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela trazaron dous propósitos que continúan vixentes nesta segunda edición. O primeiro foi escoller novembro como mes fixo de celebración, para dotar á temporada baixa dun evento gastronómico potente, sumando as posibilidades de Santiago(é)tapas e do festival Cineuropa para atraer visitantes.

Con produtos galegos de calidade

O segundo propósito, dentro da liña de promoción da gastronomía e dos produtos autóctonos e de proximidade, foi establecer como requisito que as receitas das tapas participantes inclúan polo menos un produto pertencente a algunha das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia. Así pois, todas as tapas deberán contar entre os seus ingredientes con lacón galego, tenreira, mexillón, pataca de Galicia, faba de Lourenzá, castaña, os diversos pementos, mel, tarta de Santiago, ou os viños e augardentes e licores protexidos, entre outros.

As tapas serán vendidas este ano a un prezo único de 2,50 euros nos establecementos participantes, que se agarda cheguen a 60, distribuídos en varias rutas ou (é)tapas. Como é xa habitual, o público poderá percorrer os locais puntuando as tapas consumidas cos pousavasos do concurso, e recollendo selos de participación no seu Tapasporte, documento da súa peregrinación gastronómica. Completar e validar cada ruta terá premio directo, e completar e validar todo o Tapasporte, un premio especial. Tamén volverá haber un Tapasporte Exprés para turistas.

Novo premio cinematográfico

A votación popular será a responsable de decidir tres premios: o primeiro Premio Tapa do Público 2016, dotado con mil euros; o segundo premio, dotado con 500 en produtos Estrella Galicia; e o Premio (É)xcelente 2016, para o local con mellor servizo integral. O gañador do primeiro premio, ademais, será o representante de Santiago de Compostela no evento De Tapas por Galicia ou calquera outro evento similar.

Pero o xurado especializado tamén fará o seu labor, visitando de incógnito os establecementos e escollendo a proposta gañadora do Premio do Xurado á Mellor Tapa 2016. Como novidade, outorgará este ano unha mención especial Santiago(é)Cine 2016 á tapa que por título, técnica, produtos ou elaboración estea vencellada ao mundo do cine, en homenaxe aos 30 anos do Festival Cineuropa.

Os establecementos de hostalería do termo municipal de Santiago están xa inscribíndose e poden facelo ata o 29 de outubro na Oficina Técnica do Concurso, situada na praza do Toural, 10-1º, ou polo correo etapas@singulae.es. O teléfono é 981 573 913.

Santiago(é)Tapas está organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela, e conta co patrocinio de Cash Récord (Vegalsa) e Coca Cola, e a colaboración especial de Estrella Galicia – Cabreiroá.

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2016-10-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES